A Xunta dona á ONG Briegal material de protección e salvamento para equipar aos bombeiros de Perú na loita contra os incendios forestais

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, achegouse estes días ata a nave onde teñen almacenados os equipos cedidos pola Consellería do Medio Rural que serán enviados nos próximos días ao país andino

Ademais de equipamento de autoprotección cedéuselles equipos electrónicos como emisoras, micrófonos, portátiles, cargadores, baterías e bases de carga

Ferrol, 27 de decembro de 2024

A Xunta de Galicia dona á ONG  Briegal material especializado para a loita contra os incendios co fin de contribuír á campaña emprendida pola entidade para equipar aos bombeiros de Perú que se enfrontan aos incendios forestais que están a arrasar grandes áreas no país andino. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, e a portavoz do Concello de Ferrol, Pamen Pieltáin; xunto ao presidente da ONG, Manuel Tato, e o secretario, Diego Rico, achegáronse estes días á nave onde teñen almacenado o material que será enviado a Perú nos próximos días. 

Entre o material cedido pola Consellería do Medio Rural atópanse equipos electrónicos como emisoras, micrófonos, portátiles, baterías, cargadores e bases de carga; ademais de equipos de autoprotección como fundas ignífugas, botas, gafas, máscaras, camisetas , cascos, cubrecalugas e caixas de filtros para máscaras.

Briegal é unha organización de axuda humanitaria e cooperación ao desenvolvemento especializada en actuacións ante emerxencias. Constituída por voluntarios de diferentes servizos profesionais como bombeiros, sanitarios e corpos de seguridade, ten por obxecto prestar axuda e rescate dende os primeiros minutos dunha catástrofe.

A delegada territorial destacou que o Goberno galego incrementa para o próximo exercicio nun 10,3% o orzamento destinado á cooperación para o desenvolvemento ata preto dos 10M€, co obxectivo de reforzar proxectos de educación para o desenvolvemento, de axuda humanitaria e emerxencias, e de cooperación no exterior promovidos por ONGD e outros axentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/12/2024