Os peiraos autonómicos rescatan máis de 10.000 quilos de lixo mariño ao ano no marco dos proxectos Upcycling the oceans e Mares circulares
Portos de Galicia colabora con ambas iniciativas nas que participan a frota de Celeiro, Burela, Ribeira, Muros, Corme, Camariñas, Combarro, Sanxenxo e Bueu
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024
A Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia, constatou a recollida de máis de 10.000 quilos de lixo dos fondos mariños do litoral galego no pasado ano 2023, no marco dos proxectos Upcycling the Oceans e Mares Circulares. Así pois, ambas iniciativas, centradas na recollida non intencionada de lixo durante as tarefas extractivas dos profesionais do mar, fundamentalmente da pesca, permitiron extraer 10.700 quilos de residuos, cun volume total de 108 metros cúbicos por parte da flota que opera nunha decea de portos de titularidade autonómica.
O proxecto Upcycling the Oceans comezou a desenvolverse no ano 2015, e involucra a profesionais do sector pesqueiro tanto en España coma noutros países en Europa, Asia e África. No correspondente a Galicia, participaron neste proxecto as frotas de Sanxenxo, Combarro, Corme, Celeiro e Burela, coordinadas polas confrarías de pescadores correspondentes.
Pola súa parte, o proxecto Mares Circulares iniciouse no ano 2018 nos países da Península Ibérica cos obxectivos de limpar as súas costas, fondos mariños e espazos protexidos; fomentar a reciclaxe e impulsar a economía circular. No relativo á nosa comunidade, no 2023 participaron neste proxecto un total de dezaseis embarcacións: 7 do porto de Ribeira, 6 do de Camariñas, 2 do de Bueu e o restante da frota de Muros. Ambas iniciativas, Upcycling the Oceans e Mares circulares foron impulsados por fundacións privadas e a administración portuaria colabora facilitando a súa execución.
Accións de formación
Os datos completos de lixo mariño recollido durante o 2023 serán presentados por Portos de Galicia á Dirección Xeral da Costa e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico cun ano de compensación, tal como establece a normativa, á fin de inventariar a composición, abundancia, tendencias, orixes e distribución espacial deste lixo, en cumprimento das directrices da Unión Europea.
Así mesmo, Portos de Galicia continuará fomentado nos próximos exercicios novas iniciativas neste sentido. O ente público manterá a súa colaboración coas fundacións que lideran actualmente ambos proxectos e axudará á súa coordinación cos operadores dos portos autonómicos. Ademais, impulsará accións propias para incentiva a recollida de lixo dos fondos mariños, con especial atención a proposta de formación neste sentido.