A Xunta activa a alerta laranxa por vento no oeste da provincia da Coruña

Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincia afectada, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2025

A Xunta vén de activar a alerta laranxa por vento no oeste da Coruña, ademais de manter o nivel de aviso tamén laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso deixará rachas de ata 100 km/h con ventos de compoñente sur. O resto da provincia da Coruña, así como a de Pontevedra e Lugo, e o noroeste e a montaña de Ourense están en alerta amarela.

Nestas zonas, sinálase a importancia de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

Con respecto ao temporal costeiro, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou a suspensión da actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados durante a xornada de hoxe.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 08/01/2025