A Xunta e a Universidade da Coruña desenvolven un programa pioneiro de atención a nenos e adolescentes en situación de risco ou desamparo
A Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) traballa con menores derivados do sistema autonómico de protección
Ferrol, 8 de xaneiro de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, sinalou hoxe que responder ás necesidades dos nenos e adolescentes para que teñan unha infancia feliz e se desenvolvan con plena normalidade, en especial aqueles máis vulnerables, é un dos obxectivos prioritarios do Executivo autonómico. Díxoo durante unha visita no campus de Ferrol ao programa de avaliación e tratamento terapéutico a menores en risco ou desamparo que desenvolve a Universidade da Coruña (UDC) nas catro provincias galegas a través da súa Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), adscrita á Facultade de Enfermería e Podoloxía.
Jacobo Rey estivo acompañado da delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e do director da UIICF, Valentín Escudero. O obxectivo deste programa é mellorar a atención terapéutica de nenos e adolescentes que son derivados polos Equipos Técnicos de Menores da Xunta de Galicia. Tamén poden participar as familias biolóxicas ou acolledoras destes menores, así como os profesionais que se ocupan delas: educadores, traballadores sociais e persoal dos centros de acollemento residencial ou dos centros de día.
O director xeral de Familia sinalou que este é un programa de referencia en Galicia neste eido e que coa súa posta en marcha a nosa comunidade foi pioneira en España. A Xunta destina cada ano 469.000 euros ao seu desenvolvemento a través dun concerto social coa UDC.
Pola súa banda, o director da UIICF, Valentín Escudero, explicou que este modelo, “sumamente respectuoso coas persoas implicadas”, está a ser replicado noutras comunidades autónomas. Do mesmo xeito, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, destacou que esta colaboración entre a Xunta de Galicia e a UDC permitiu poñer en marcha moitas outras propostas, como pode ser o programa Afrontemos, unha iniciativa de atención psicolóxica dirixida a toda a comunidade universitaria e ás súas familias.