A Xunta amplía unha liña de autobús do IES Eduardo Pondal de Ponteceso con 16 paradas en Malpica de Bergantiños

Facilítase o acceso en transporte público ao alumnado de Malpica de Bergantiños matriculado nas ensinanzas non obrigatorias que se imparten no centro educativo

A liña atenderá as persoas usuarias da contorna da vila de Malpica e das parroquias de Leiloio, Cambre, Cerqueda, Barizo e Mens

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2025

A Xunta activa desde o vindeiro luns, 13 de xaneiro, a ampliación dunha liña de autobús do IES Eduardo Pondal de Ponteceso que incorpora 16 paradas en Malpica de Bergantiños.

Coa prolongación da liña que conectaba o instituto co lugar de Cores, en Ponteceso, ata a parada das Rabuceiras, na parroquia malpicá de Leiloio, facilítase o acceso en transporte público ao alumnado de Malpica de Bergantiños que estuda as ensinanzas non obrigatorias que se imparten no centro educativo.

Así, o servizo amplía a súa cobertura territorial para atender os usuarios da contorna da vila de Malpica e das parroquias de Leiloio, Cambre, Cerqueda, Barizo e Mens. En concreto, a liña realizará no municipio as paradas de As Rabuceiras, A Trémoa, Cambre (igrexa), Loutoño, A Aldeola, Cerqueda, Vilarnovo, A Camuza, Malpica, Ventorrillo, Cancela de Areas, Seaia, Cruce Santo Adrián, Barizo, Porto do Fondo e Mens.

Coas melloras aprobadas refórzase a oferta de servizos entre Malpica de Bergantiños e Ponteceso nos horarios adaptados ás xornadas lectivas do centro, sen variar as horas de paso polas paradas da liña en Ponteceso, nas que hai escolares con reserva de praza.

A liña IES de Ponteceso-As Rabuceiras contará de luns a venres en tempada lectiva cun servizo que sairá cara ao instituto ás 08,00 horas e outro de volta ás 14, 10 horas. Os luns pola tarde ofrecerá servizos de ida e volta ás 15,45 horas e ás 18,05 horas.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal e na aplicación para dispositivos móbiles Transporte Público de Galicia.

Data de actualización: 10/01/2025