A Xunta recibe 4 ofertas para a execución das obras da senda de Marcón, na PO-542 en Pontevedra

O novo itinerario peonil e ciclista suporá un investimento de 1,4M€ e será financiado con fondos europeos FEDER

A actuación inclúe unha glorieta para mellorar a seguridade viaria nesta contorna da parroquia de Marcón

A nova senda mellorará o acceso a equipamentos situados na parroquia como o centro escolar, a igrexa ou o polideportivo

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2026

A Xunta recibiu 4 ofertas para as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-542 en Marcón, no concello de Pontevedra. A actuación suporá un investimento de 1,4M€ e será financiada con fondos europeos FEDER.

Este novo itinerario peonil e para ciclistas non deportivos, de case un quilómetro de lonxitude, permitirá conectar os núcleos da Ermida, Pazos e Marcón, e mellorará o acceso aos equipamentos situados na contorna, como o colexio, a igrexa ou o polideportivo desta parroquia pontevedresa.

Ademais da senda, a actuación na PO-542 inclúe tamén a habilitación dunha glorieta, con 30 metros de diámetro exterior, para mellorar a seguridade viaria e a fluidez do tráfico neste punto.

O proxecto inclúe tamén intervencións complementarias, como a eliminación de carrís centrais de espera para xiros á esquerda, a mellora das interseccións existentes, a creación de espazos de aceleración e desaceleración nos accesos, así como a habilitación de dous novos refuxios para usuarios do autobús.

Unha vez adxudicados, os traballos terán posteriormente un prazo de execución de 18 meses.

Data de actualización: 23/07/2026