Villares e a alcaldesa de Paradela analizan os proxectos e investimentos da Xunta no concello

O delegado territorial de Lugo destacou o apoio para acondicionar infraestruturas municipais como a escola de música, así como as obras de mellora previstas na estrada autonómica LU-633 entre Sarria, Paradela e Portomarín

Paradela (Lugo), 23 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Paradela, Montserrat Mulet, para analizar diferentes proxectos e investimentos autonómicos no concello.

Villares apuntou que a Consellería Presidencia, Xustiza e Deportes vén de aprobar unha achega de 30.000 euros para efectuar distintas intervencións no centro de saúde e en oficinas municipais; e outra de 36.600 euros para o acondicionamento da escola de música. Ambas foron concedidas ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental 2026  -liñas competitiva e non competitiva, respectivamente -.

Tamén destacou o impulso á mellora das comunicacións viarias, con actuacións como as que están previstas na estrada a LU-633, no marco dun contrato que acaba de formalizarse esta mesma semana para acondicionar tres vías autonómicas da provincia.

No que respecta á LU-633, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destina 2,2 millóns de euros a actuar en tres treitos diferenciados, entre eles o que transcorre entre Sarria, Paradela e Portomarín – puntos quilométricos 50 ao 84 -.

Así mesmo, no tocante ás infraestruturas rurais, Villares subliñou que este ano a Consellería do Medio Rural inviste 46.700 euros na mellora de camiños da parroquia de Castro de Rei de Lemos; e preto de 136.900 euros na pavimentación da vía de Grallás, entre Paradela e O Páramo.

O delegado territorial tamén resaltou as accións de fomento do emprego a nivel local. Así, explicou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración  financia con 454.500 euros o obradoiro Os Soutos II, que se está a desenvolver en Paradela, Láncara e Samos. Esta actividade brinda a 20 persoas desempregadas a oportunidade de mellorar os seus perfís profesionais en actividades relacionadas coa construción e co sector forestal.

A xuntanza coa rexedora paradelesa enmárcase na rolda de visitas institucionais que Villares está a realizar aos concellos lucenses para coñecer as súas necesidades e demandas e avaliar as actuacións e investimentos que está a realizar a Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2026