A Xunta inicia a toma de mostras da nova fase do Proxecto Xenoma Galicia no distrito sanitario de Cee
As extraccións de sangue comezaron esta tarde no Hospital Público Virxe da Xunqueira para aquelas persoas invitadas a participar e tamén se tomarán o día 22
O horario para asistir á extracción de sangue aos participantes convidados é de 15,30 a 18,30 horas, debendo contar con cita previa e sen necesidade de acudir en xaxún
As persoas convidadas son seleccionadas de xeito aleatorio e reciben unha mensaxe SMS nos seus teléfonos móbiles
Para esta recollida enviáronse 342 invitacións, co obxectivo de acadar a participación de 68 persoas do distrito sanitario de Cee
Do total de mostras analizadas ata de agora no marco do proxecto Xenoma Galicia, 3.112, detectáronse 53 positivos
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
A Xunta iniciou esta tarde a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia nos concellos correspondentes ao distrito sanitario de Cee.
As extraccións de sangue lévanse a cabo no Hospital Público Virxe da Xunqueira para aquelas persoas que foron convidadas a participar no estudo. A recollida de mostras tamén se levará a cabo o día 22 deste mesmo mes.
O horario para acudir á extracción, con cita previa, é de 15,30 a 18,30 horas e non é necesario presentarse en xaxún. Durante a toma de mostras, o persoal sanitario informa ás persoas participantes de todos os pasos do proceso.
Para esta nova recollida, enviáronse de xeito aleatorio 342 mensaxes SMS de invitación a participar no distrito sanitario de Cee. O obxectivo é acadar a participación de 68 persoas.
Detección de patoloxías
O proxecto Xenoma Galicia leva analizadas ata o de agora 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e agora, coa primeira fase do proxecto en marcha, foron analizadas 1.279 dos voluntarios dos primeiros distritos participantes.
A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 posibilitou atopar 25 casos positivos máis para as patoloxías cribadas. Concretamente, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, 2 participantes deron positivo en síndrome de Lynch, e 9 en caso de hipercolesterolemia familiar.