O conselleiro de Sanidade participou esta mañá na Illa da Toxa nunha mesa redonda coa conselleira de Saúde e Políticas Sociais da Rioxa e co conselleiro de Saúde de Cantabria sobre políticas sanitarias no marco do XI Fórum Ries 2026
Gómez Caamaño sinala o Plan de reforma de atención primaria como un exemplo do diálogo cos profesionais que debe guiar as políticas sanitarias
Pon en valor o Plan Estratéxico de Saúde Dixital e Transformación Intelixente 2027-2030, que a Consellería de Sanidade iniciará o vindeiro ano
Destaca que o proxecto Xenoma Galicia secuenciará o ADN de 400.000 galegos e permitirá identificar os seus riscos de contraer determinadas enfermidades
Lembra que nos vindeiros meses comezará a funcionar o Centro de Protonterapia de Galicia, que será de referencia a nivel nacional
Os conselleiros de sanidade de Galicia, A Rioxa e Cantabria coinciden en sinalar a necesidade de escoitar ao persoal sanitario para garantir a sostibilidade futura do sistema
O Grove (Pontevedra), 15 de outubro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou hoxe que o Plan de reforma de atención primaria e comunitaria de Galicia 2026-2030 é un exemplo de diálogo cos profesionais que debe guiar as políticas sanitarias.
Así o apuntou o titular da carteira sanitaria da Xunta na mesa redonda sobre políticas sanitarias celebrada no marco do XI Fórum Ries 2026, onde tamén participaron a conselleira de Saúde e Políticas Sociais da Rioxa, María Martín, e o conselleiro de Saúde de Cantabria, César Pascual.
Gómez Caamaño incidiu en que a Xunta vén de aprobar un Plan de reforma da atención primaria e comunitaria que é froito dun inxente traballo de diálogo, escoita e negociación cos profesionais
Os responsables de Sanidade das tres comunidades autónomas coincidiron en sinalar a necesidade de escoitar ao persoal sanitario para garantir a sostibilidade futura do sistema e avogaron, tamén, por potenciar a innovación e as novas tecnoloxías.
Nesa liña, o máximo responsable do Sergas avanzou que a Consellería de Sanidade iniciará o vindeiro ano o Plan Estratéxico de Saúde Dixital e Transformación Intelixente 2027-2030, unha folla de ruta que ten como obxectivo evolucionar cara a un modelo de saúde máis intelixente, preventivo, sustentable e centrado nas persoas. O Plan situará os datos, a intelixencia artificial e os servizos dixitais como elementos estruturais da organización sanitaria, integrados nos procesos asistenciais, organizativos, investigadores e de relación coa cidadanía.
Así mesmo, explicou que, entre as iniciativas máis innovadoras impulsadas pola Xunta, destacan o desenvolvemento de terapias CAR-T no ámbito público, os proxectos de medicina xenómica, o seguimento remoto de pacientes crónicos mediante TELEA e a aplicación da intelixencia artificial á práctica clínica.
Medicina personalizada
Destacou, ademais, que o Executivo galego está a reforzar a medicina personalizada de precisión mediante o desenvolvemento da investigación biomédica, a xenómica e a incorporación de terapias avanzadas á práctica asistencial.
Deste xeito, o responsable autonómico destacou o proxecto Xenoma Galicia, que ten como obxectivo secuenciar o ADN de 400.000 galegos e identificar os seus riscos de contraer determinadas enfermidades graves. Así mesmo, pretende dotar ao sistema sanitario público galego dun biobanco cun potencial de investigación case único no mundo.
Gómez Caamaño subliñou que o Centro de Protonterapia de Galicia comezará a funcionar nos vindeiros meses, e que estará especialmente enfocado a pacientes oncolóxicos con alta expectativa de supervivencia, prestando atención destacada á poboación infantil e constituíndo unha referencia a nivel nacional.
Colaboración interterritorial
Os responsables de Sanidade das tres comunidades autónomas abordaron, tamén, a conveniencia de afondar na colaboración interterritorial para impulsar o progreso dos sistemas sanitarios en termos de equidade para a poboación.
Así, Gómez Caamaño destacou que Cantabria e Galicia teñen un convenio para a avanzar na fabricación de terapias avanzadas contra o cancro, unha oportunidade para compartir coñecemento científico e capacidades tecnolóxicas, acelerar a validación e implantación de solucións innovadoras e facilitar o acceso ás terapias avanzadas.
O conselleiro tamén puxo en valor a necesidade de reforzar a cooperación entre comunidades autónomas en ámbitos como a investigación biomédica, a medicina personalizada, a intelixencia artificial, o uso compartido de datos e a avaliación dos resultados en saúde.