A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá un dos establecementos adheridos
A Xunta renova o seu convenio con Acega para seguir fomentando un comercio e restauración totalmente adaptados ás necesidades das persoas celíacas
Preto de 300 comercios ou centros hoteleiros de toda Galicia participan actualmente neste programa que ofrece formación, asesoramento e controis de alérxenos
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2025
A Xunta asinou un novo convenio coa Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) para fomentar un comercio adaptado ás necesidades das persoas celíacas. A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe a cervexería Sindueña, un dos establecementos adheridos a este programa e que ofrece unha carta 100% sen glute.
Fabiola García apuntou que mediante a iniciativa A restauración galega sen glute, distínguese a aqueles comercios de referencia na xestión de alérxenos para que as persoas celíacas teñan máis doado ir facer a compra ou comer nun restaurante con todas as garantías. Nestes momentos, son preto de 300 os comercios ou centros hoteleiros de toda Galicia que participan no programa, no que a Xunta leva investidos máis de 200.000 euros desde 2020.
A conselleira sinalou que estes locais poden formarse na elaboración dun menú sen glute, reciben asesoramento técnico e información sobre provedores e sométense a auditorías ou inspeccións periódicas para valorar a aplicación destas medidas. Así mesmo, agradeceu a Acega pola súa labor pedagóxica e polo seu empeño para ofrecerlle ás máis de 3.000 persoas celíacas de Galicia unha oferta gastronómica variada e segura.