Alfonso Villares pon en valor o impacto positivo dos GALP na valorización do patrimonio natural, paisaxístico e cultural do litoral galego

O conselleiro do Mar visitou os paneis informativos instalados nos miradoiros do concello coruñés de Laxe financiados a través do Galp Costa da Morte

A finalidade da actuación é valorizar o patrimonio natural e paisaxístico do municipio, a promoción turística sustentable e o coñecemento da contorna pesqueira

Laxe (A Coruña), 10 de xaneiro de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou os paneis informativos instalados nos miradoiros de Cabo de Area, Faro, Cemiterio e Capela de Santa Rosa, no concello coruñés de Laxe financiados polo departamento autonómico a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) Costa da Morte. Alí o responsable autonómico puxo en valor o impacto positivo deste tipo de actuacións na valorización do patrimonio natural, paisaxístico e cultural do litoral galego.

O titular de Mar, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, sinalou que estas accións permiten afondar no coñecemento e posta en valor da contorna pesqueira que axudan a divulgar a necesidade de salvagardar o entorno e as actividades que se desenvolven como garantía para un futuro sostible, tanto entre a propia veciñanza como entre os visitantes que recalan no municipio.  

Nesta liña, manifestou a promoción dun turismo sostible vencellado ao patrimonio cultural marítimo e pesqueiro como outros dos obxectivos destas actuacións, contribuíndo ao desenvolvemento económico das zonas costeiras. Así, resaltou a riqueza que acolle todo o litoral, patrimonio de todos os galegos e galegas, como un recurso único e fundamental ao do que debemos aproveitar todo o seu potencial no desenvolvemento de diferentes actividades que fagan posible crear novos empregos de calidade e fixar poboación.

Outros investimentos

A Consellería do Mar vén de desenvolver diferentes investimentos neste municipio coruñés nos últimos anos como a mellora dos equipamentos da fábrica de xeo da lonxa cun investimento de preto de 84 mil euros e a Confraría de Laxe tamén foi beneficiaria da liña de axudas pra proxectos colectivos que contribúan a reforzar a xestión da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica e socialmente sostible con case 41.000 euros. Tamén cómpre destacar a dragaxe do porto, finalizada en xuño do 2023 por valor de 3,6 millóns de euros.

Por outra banda, está previsto que este ano se acometa a renovación e substitución de 43 luminarias do peirao xunto cun sistema de telexestión que permitirá un aforro estima do 60% e que suporá un investimento de 103.000 euros a renovación do firme da rúa Porto, paralela á vía de acceso á lonxa e peiraos por valor de 45.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2025