A Xunta designa o tribunal para as probas de aptitude profesional para exercer como condutor de transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada
Ao longo de 2025 haberá oito convocatorias en distintas categorías co obxectivo de acadar os certificados profesionais para a condución de distintas categorías de vehículos: camión (C), autobús (D) e remolque (E)
O prazo da primeira das probas pechouse o pasado 30 de decembro e corresponde ao tribunal fixar a hora e a data cunha antelación mínima de 10 días hábiles antes da súa celebración
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a composición do tribunal para o desenvolvemento das probas de aptitude profesional (CAP) para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada.
A resolución de nomeamento do tribunal para obter o certificado do CAP, integrado por cinco membros da Dirección Xeral de Mobilidade - presidente, tres vogais e o secretario- , inclúe a convocatoria das probas para este ano 2025. A Xunta realizará oito convocatorias ao longo deste exercicio para a obtención do CAP.
O prazo de inscrición para a primeira delas pechouse o pasado 30 de decembro, correspondendo ao tribunal a fixación da hora e data dos exercicios desta e seguintes convocatorias das probas, que se celebrarán en Santiago de Compostela. A mesma será publicada na web da dirección xeral de Mobilidade cunha antelación mínima de dez días hábiles á celebración.
As persoas admitidas nas convocatorias para obter o certificado de aptitude profesional serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, debendo presentarse á realización das probas provistas de DNI o documento acreditativo da súa identidade.
O tempo para a realización do exame será de dúas horas, valorándose con 1 punto as respostas correctas, e as erróneas contestadas penalizaranse con 0,5 puntos negativos. Para aprobar o exame será necesario obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.
Estas convocatorias correspóndenlle á Xunta. As persoas aspirantes deben superar os cursos de formación e cumprir os requisitos esixidos no Real Decreto 284/2021, de 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos conductores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, para poder participar nas probas de constatación da cualificación inicial.
O certificado de aptitude profesional acreditará que o condutor superou os cursos e os exames esixidos e será expedido polos órganos autonómicos competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a realización do transporte público discrecional de viaxeiros e mercadorías por estrada. Estes dispositivos reforzan as garantías de seguridade e transparencia e incrementan a profesionalización e a competitividade no sector do transporte.
Os exames teñen como obxectivo acadar os certificados profesionais para a condución de distintas categorías de vehículos: camión (C), autobús (D) e remolque (E).
De modo máis concreto, levaranse a cabo probas para as categorías D1, que inclúe vehículos de non máis de 16 pasaxeiros, ademais do condutor e remolque de ata 750 quilos; e D1 + E, que lle engade á anterior descrición o remolque de máis de 750 quilos. Tamén se desenvolverán probas para as categorías D, é dicir, vehículos de máis de oito pasaxeiros e sen límite superior, ademais do condutor e remolque ata 750 quilos; ou D + E, que engade á anterior descrición a posibilidade de remolque de máis de 750 quilos.
No caso dos camións, haberá exames para o certificado C1, para vehículos de 3.500-7.500 MMA e ata oito pasaxeiros; C1 + E, con remolque de máis de 750 quilos; C, para camións de máis de 3.500 MMA (masa máxima autorizada) e remolque de ata 750 quilos; ou C + E, vehículos de máis de 3.500 MMA e sen límite e remolque de máis de 750 quilos.