O presidente destaca que o reforzo da inspección sanitaria da Xunta se traduce na alta de máis de 13.600 persoas en situación de incapacidade temporal

Explica que se citou de forma presencial, de xuño a decembro de 2024, a máis de 20.000 traballadores de baixa e, tras a inspección, o 67 % recibiron a alta 

Salienta a creación dunha unidade de apoio nas áreas sanitarias de Ferrol, Lugo e Santiago, que rexistran unha media de días de baixa superior

A Xunta tamén pon en marcha medidas para reducir os trámites burocráticos para os pacientes

Os partes médicos de incapacidade temporal xa inclúen a cita para a próxima consulta de recoñecemento, sen necesidade de ter que pedila

O conselleiro de Sanidade anuncia que desde este mes de xaneiro os partes de baixa serán emitidos desde o hospital para pacientes con ingreso programado para seren operados 

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Goberno autonómico está a reforzar o control dos procesos de incapacidade temporal (IT), o que se traduciu na citación presencial pola Inspección de Servizos Sanitarios, no período de xuño a decembro de 2024, de 20.254 pacientes. “No 67,5 % dos casos -13.684 persoas- detectouse que esta baixa médica  non estaba xustificada e recibiron a alta”, indicou.

Esta é unha das conclusións do informe de mellora da xestión e do control dos procesos de incapacidade temporal que presentou hoxe a Consellería de Sanidade na reunión semanal do Executivo galego.

Tal e como explicou o presidente, outra das medidas postas en marcha pola Xunta foi “a creación dunha unidade de apoio” ás Unidades de Inspección e Control de Saúde Laboral “nas áreas sanitarias que presentan maior media de días de baixa entre os traballadores” no 2023, é dicir, en Ferrol, Lugo e Santiago.

Tras as entrevistas realizadas aos médicos de atención primaria, xunto coa citación presencial dos pacientes, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou que no caso de Ferrol “só un 61,34 % dos casos valorados tiñan xustificada a súa permanencia en incapacidade temporal, un 60,99 % en Lugo e un 44,18 % en Santiago”.

Para un control efectivo das baixas, a Consellería de Sanidade mantén unha formación continuada aos profesionais. É de especial interese a formación dos médicos internos residentes (MIR) de medicina familiar e comunitaria que, durante o ano 2024, rotaron tamén polas Unidades de Inspección e Control de Saúde Laboral nas catro provincias.

Redución de trámites

Rueda salientou a aposta da Xunta por “reducir e axilizar os trámites” tanto a hora de solicitar como de renovar as baixas médicas para facilitar este labor aos pacientes e aos sanitarios. 

Nesta liña, o conselleiro resaltou que as probas diagnósticas que realicen as mutuas xa son incluídas na historia clínica electrónica do paciente do Sergas. Así evítase a duplicidade e a permanencia en situación de baixa por causas alleas ao traballador. Ao longo do ano 2024 foron autorizadas pola sanidade pública 10.806 probas a realizar polas mutuas. 

Outra das medidas postas en marcha o pasado ano é fixar unha cita presencial para consulta no propio parte médico de baixa emitido polo facultativo de atención primaria, que estima a duración do proceso de incapacidade temporal e que establece a data do próximo recoñecemento. Deste xeito evítase que o paciente deba solicitar a cita cando se achegue a data e que poida non atopar ocos dispoñibles, o que podería dar lugar a una prolongación innecesaria da situación de incapacidade temporal.

E, tal e como anunciou o conselleiro, o Servizo Galego de Saúde traballa para comezar a emitir, desde este mes de xaneiro “os partes médicos de incapacidade temporal desde os servizos de admisión dos hospitais no caso dos pacientes ingresados e cunha cirurxía programada”. Con esta medida búscase evitar que un traballador que teña que facer unha operación programada “teña que ir ao día seguinte polo parte de baixa ao seu centro de saúde”. 

Para evitar desprazamentos innecesarios aos pacientes, a Xunta xa facilita a cita telefónica de control para traballadores de baixa por neoplasias, fracturas ou covid. É dicir, no caso dun paciente con cancro, podería dispoñer de novos partes de baixa a través da aplicación É-Saúde, segundo marque o control do proceso que realiza o oncólogo que o atende. 

Tamén, ao detectarse en Galicia unha infradeclaración de enfermidades profesionais, facilitarase a emisión de sospeitas de procesos derivados por este motivo polos médicos de atención hospitalaria. Evitarase así derivar ao paciente cun informe ao seu centro de saúde para a correspondente emisión desa sospeita, segundo os trámites establecidos neste momento.

Optimización da prestación de baixa

O informe sobre o control da incapacidade temporal presentado hoxe pola Consellería de Sanidade inclúe tamén a posibilidade de contar con unidades especializadas de consulta para estes procesos, en particular, no referente a patoloxías músculo-esqueléticas e psiquiatría menor. 

O obxectivo é a diminución da duración daqueles procesos que excedan do tempo óptimo de duración, sempre que se realice unha xestión eficaz tanto de probas complementarias como de procedementos.

Outra das accións a poñer en marcha será integrar no programa de xestión da incapacidade temporal do Sergas os modelos de partes específicos de Muface para a xestión deses procesos polos médicos de atención primaria do Servizo Galego de Saúde cando os mutualistas optan pola asistencia na sanidade pública.

Esta serie de medidas pretenden acadar unha xestión de baixas máis operativa, máis eficaz e máis áxil.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2025