A Xunta presenta ao Goberno central o proxecto para crear unha fábrica de IA vinculada á investigación sanitaria e solicita o seu apoio
O conselleiro de Ciencia reúnese en Madrid coa secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, a quen agradece a súa receptividade
A candidatura impulsada desde Galicia precisa o respaldo do Estado para presentarse a unha convocatoria de fondos europeos no eido da supercomputación
Trátase de espazos onde se deseñan, proban e implementan solucións de intelixencia artificial, que se canalizaría a través do Cesga
Esta iniciativa permitiría impulsar a creación e fortalecemento de ‘startups’, mellorar a competitividade das empresas, atraer talento e crear emprego
Madrid, 15 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión en Madrid coa secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, María González, para presentarlle o interese de Galicia por albergar unha Fábrica europea de IA (intelixencia artificial) centrada nas ciencias da vida e solicitar, así, o apoio do Goberno central.
Na reunión tamén participaron a directora xeral de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio, Aleida Alcaide; o vicepresidente de Investigación Científica e Técnica do CSIC, José María Martell; a directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta, Carmen Cotelo, e o director do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Lois Orosa. O conselleiro de Ciencia agradeceu o espírito de colaboración e a receptividade para un proxecto que agora deberá desenvolver o traballo técnico e financieiro de xeito conxunto.
O obxectivo desta xuntanza é obter o respaldo do Estado á proposta, requisito imprescindible para optar á convocatoria europea do EUROHCP JU (European High Performance Computing Joint Undertaking), o consorcio europeo dedicado á supercomputación. A potencial candidatura impulsada desde Galicia está liderada polo Cesga e impulsada pola Xunta de Galicia e co apoio científico do CSIC como patrón do Cesga e susténtase na solidez da I+D+i galega. Precisamente o Goberno de España valora moi positivamente a iniciativa que a Xunta desenvolve no Cesga e os proxectos que están poñendo en marcha.
Esta futura Fábrica de IA permitiría impulsar a creación e fortalecemento de startups, mellorar a competitividade das empresas, atraer talento e crear emprego a través de novas infraestruturas a disposición de todos os axentes dos sectores vinculados ás ciencias da vida, como a investigación sanitaria ou a biotecnoloxía. Isto permitiría acelerar enormemente a innovación e a investigación nestes ámbitos.
As fábricas de intelixencia artificial son espazos onde se deseñan, proban e implementan solucións de IA. Para acadalo contan coas infraestruturas tecnolóxicas necesarias, ofrecen talento investigador e dótanse de ferramentas avanzadas. Deste xeito, as fábricas funcionan como centros de innovación que aceleran a creación de aplicacións intelixentes, fomentan a colaboración entre empresas, universidades e centros de investigación e contribúen ao fortalecemento dun sector dixital avanzado e competitivo.
Boa posición de partida
Esta proposta non parte de cero nesta carreira por acadar unha factoría europea de IA, senón que xa conta cun sistema sólido integrado por centros de investigación das tres universidades públicas galegas, clústeres empresariais, hubs de innovación dixital con carácter europeo, fundacións de investigación sanitaria e entes e axencias especializadas da Administración autonómica e estatal.
Apóiase, ademais, nas Estratexias de especialización intelixente (RIS3) e de Consolidación da biotecnoloxía de Galicia como follas de ruta das políticas públicas. Así mesmo, conta co apoio científico do CSIC, a principal institución científica a nivel estatal con centros de investigación en todo o territorio español e padroa e segunda máxima usuaria do Cesga.
A factoría de IA galega sumaríase e complementaría as outras factorías europeas que veñen de ser concedidas recentemente como a do Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación (BSC-CNS), aínda que no caso da factoría galega, non sería de carácter xeralista, senón que estaría especializada na área das ciencias da vida baixo o concepto de one health, que procura equilibrar e optimizar de maneira sostible a saúde das persoas, os animais e os ecosistemas.