A consellería do Mar aborda coa comisión Mar-Industria da Confederación de Empresarios de Galicia diferentes propostas fronte aos retos actuais do sector
O conselleiro do Mar puxo en valor a entrada en vigor do cambio normativo que permite a ampliación dos prazos de vixencia das concesións asentadas en terreos portuarios de titularidade autonómica
Tamén resaltou a seguridade xurídica que ofrece a lei do Litoral de Galicia no desenvolvemento e potenciación da industria vencellada aos produtos do mar na comunidade
A reforma da Política Pesqueira Común, o impulso do consumo do peixe e marisco entre a cidadanía, a rebaixa do IVE aos produtos pesqueiros e as medidas en apoio da modernización e competitividade do sector, foron algúns dos temas tratados
Boiro (A Coruña), 16 de xaneiro de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo hoxe un encontro de traballo coa comisión Mar-Industria da Confederación de Empresario de Galicia (CEG) na que abordou diferentes propostas fronte aos retos actuais do conxunto do sector pesqueiro e da súa industria da transformación. Na reunión, que tivo lugar nas instalacións da compañía Jealsa, no concello coruñés de Boiro, o responsable autonómico fixo balance do traballo realizado polo Goberno galego en favor dunha actividade estratéxica para a economía galega da que dependen ao redor de 50.000 empregos directos e que representa o 5% do PIB e cunha facturación de 9.000 millóns de euros.
Así, o titular de Mar puxo en valor a entrada en vigor da modificación da lei de Portos que permite a ampliación dos prazos de vixencia das concesións asentadas en terreos portuarios de titularidade autonómica, chegando ata os 75 anos no caso das empresas con actividade estratéxica para os portos. Tamén resaltou a lei do Litoral de Galicia que ofrece maior seguridade xurídica para o desenvolvemento de actividades vencelladas ao sector pesqueiro e a industria da transformación dos seus produtos.
O impulso do consumo dos produtos pesqueiros foi outro dos grandes asuntos no que Alfonso Villares manifestou o compromiso do Goberno galego mediante o impulso de iniciativas como GALICIA SABE AMAR. Tamén sinalou a importancia de tomar máis accións neste ámbito que, ademais de incidir na calidade e sabor destes alimentos, tamén poñan o foco na saúde e benestar dos consumidores resaltando as propiedades dos produtos do mar que contan con calidades nutritivas excepcionais que permiten previr enfermidades e doenzas. Por outra banda volveu a reclamar unha maior implicación do Goberno central con campañas propias e exixiu a súa rectificación á negativa de rebaixar o IVE a estes alimentos.
Ademais, Alfonso Villares destacou as diferentes liñas de axudas despregadas polo Goberno galego que teñen como obxectivo afondar na modernización e sostibilidade do sector, impulsando a innovación e a utilización de novas tecnoloxías, coa finalidade de gañar competitividade nunha actividade que consolidou nos últimos anos a súa faceta exportadora alcanzando no 2023 a cifra récord de preto de 2.800 millóns de euros en vendas ao exterior
O conselleiro do Mar trasladou o compromiso da Xunta de seguir traballando para o cambio de rumbo nas políticas desenvolvidas no ámbito comunitario facendo valer a posición de Galicia como principal rexión pesqueira de Europa. Nesta liña recordou que o 60% do peixe que se consume no continente é de terceiros países e reivindicou a necesidade de que se tomen medidas en defensa do sector no ámbito do level playing field. Unha cuestión que, segundo dixo, cobra unha relevancia estratéxica xa que resulta esencial para o desenvolvemento da imprescindible soberanía alimentaria do conxunto de Europa.