A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con representantes da Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade)
A Xunta ultima as obras de mellora da estación depuradora de Tragove que dá servizo aos concellos de Cambados e Vilanova de Arousa
Ángeles Vázquez explica que esta actuación, que supuxo un investimento de preto de 4 M€, está deseñada para dar servizo aos preto de 12.000 habitantes esperados no horizonte do ano 2044
Lamentou que a Dirección Xeral da Costa rexeitase a solicitude para acometer a renovación do colector
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia está a ultimar as obras de mellora da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Tragove, que dá servizo aos concellos de Cambados e Vilanova de Arousa.
Durante un encontro que mantivo esta tarde co presidente da Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade), Roberto Fariña, e outros representantes da entidade, a conselleira explicou que esta actuación, que supuxo un investimento de preto de 4 millóns de euros, e que foi cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), está deseñada para dar servizo aos preto de 12.000 habitantes esperados no horizonte do ano 2044.
En concreto, duplícase a capacidade de tratamento da planta, ampliando a decantación secundaria e incrementando os caudais de recirculación, ademais doutras melloras relacionadas coa obsolescencia de equipos, sistemas e instalacións da actual planta, construída no ano 1993 e que, a pesar das diversas melloras realizadas, precisaba dunha actualización.
Renovación do colector
A maiores, no encontro tamén avaliaron o estado do proxecto para renovar o colector que une Vilanova de Arousa de Cambados. Nese senso, a conselleira lamentou que a Dirección Xeral da Costa e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico rexeitase a solicitude para acometer esta actuación a pesar de que o proxecto contaba cun informe positivo do Servizo Provincial de Costas en Pontevedra
Unha vez que se faga efectivo o traspaso dos medios, funcións, servizos e expedientes para a xestión completa do litoral por parte do Goberno central, a Xunta estará en disposición de avanzar nas obras de renovación do colector que une Vilanova de Arousa coa EDAR de Tragove. De feito, Augas de Galicia xa está a analizar alternativas técnicas á proposta inicial.
Nese sentido, a conselleira lamentou que a Dirección Xeral da Costa e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico rexeitase a solicitude para acometer esta actuación a pesar de que o proxecto contaba cun informe positivo do Servizo Provincial de Costas en Pontevedra. De feito, segundo subliñou Ángeles Vázquez, Augas de Galicia xa está a analizar alternativas técnicas ao proxecto inicial, co obxectivo de mellorar a calidade ambiental das augas da ría de Arousa así como de dotar dun mellor servizo de saneamento á veciñanza da contorna.