Belén do Campo visita a nova casa niño financiada pola Xunta en Paderne

A representante do Goberno autonómico lembrou que actualmente están en funcionamento 18 centros deste tipo na provincia

A delegada informou na visita que o Bono Concilia Familia chegou, no 2024, na provincia da Coruña, a case 6.500 solicitudes, o que supón un 44% do total de Galicia,  grazas a un investimento de máis de 1,2 millóns de euros, un 44% do orzamento total da comunidade galega

Paderne (A Coruña), 13 de xaneiro  2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Política Social, María Blanco, valorou hoxe como moi positivo o balance das casas niño, un servizo pioneiro que Galicia que se comezou a implantar hai oito anos e que está a ser imitado por outras comunidades autónomas. Fíxoo na visita á nova casa niño, Abebos,  que abriu as súas portas, este ano,  no Concello de Paderne co apoio da Xunta de Galicia. Para a posta en marcha deste servizo, que atende nestes momentos a catro nenos, contou cunha axuda inicial de 15.000 euros para realizar obras de acondicionamento do local e adquisición do material, e cunha prima anual de 24.800 euros ata o 2027.

A delegada felicitou á súa responsable que, ademais, de abrir este centro recibiu tamén outro apoio do Goberno autonómico de 10.000 euros, do programa Emega para o fomento do empredemento feminino.

O Goberno galego fixo unha aposta decidida por dotar aos concellos do rural desta alternativa de conciliación para promover que as familias destas áreas tamén conten con opcións para compatibilizar a súa vida laboral e familiar.

Ademais, e como novidade, a convocatoria, aberta o ano pasado, incluíu unha axuda complementaria de 150 euros semanais durante o tempo que dure a baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada do servizo. Esta axuda é para todas as casas niño. Neste senso, a delegada lembrou, que hoxe mesmo, abriuse a orde de continuidade das casas niño que xa están en funcionamento.

Galicia inicia este ano con 18 casas niño na provincia da Coruña das 104 que abriron as súas portas no 2025 na comunidade galega. Belén do Campo fixo fincapé nas moitas vantaxes que se derivan da posta en marcha destas instalacións. Por unha parte, axudan a fixar poboación, ao dar opcións de conciliación tamén nos concellos máis pequenos e facelos, así, máis atractivos; ao tempo que xeran postos de traballo dos profesionais que as xestionan. “Queremos que a xente quede a vivir nos concellos do rural”, sinalou a delegada, quen asegurou que, para iso, cómpre apostar por ofrecer “servizos de primeira categoría” en todo o territorio.

Bono Concilia Familia

Belén do Campo tamén lembrou que a Xunta de Galicia ampliou o crédito do Bono Concilia Familia para chegar no 2024 a 14.800 familias en toda a comunidade, un 37% máis respecto das beneficiadas na convocatoria anterior. Neste senso destacou que , a finais de ano, realizouse un aumento do orzamento destinado a este programa en 128.300 euros para acadar un montante total de preto de 2,8 millóns de euros, que é a maior dotación económica asignada ao Bono Concilia Familia desde a súa posta en marcha.

Neste senso, informou, que no 2024, na provincia da Coruña, foron atendidas case 6.500 solicitudes, o que supón un 44% do total de Galicia,  grazas a un investimento de máis de 1,2 millóns de euros, un 44% do orzamento total da comunidade galega.

O obxectivo destas axudas é facilitar a conciliación ás familias con nenos de ata 13 anos nas que os dous proxenitores traballan ou un único proxenitor no caso das familias monoparentais. Están pensadas  para que as nais e pais poidan atender as súas necesidades de conciliación de carácter puntual, por exemplo: por enfermidade, cuestións laborais ou en períodos das vacacións escolares.

As contías que reciben as familias poden ser de 500 euros para a contratación dunha persoa empregada do fogar ou servizos de atención á infancia a domicilio; ou de 200 euros por cada neno para o pago de campamentos ou doutros recursos de conciliación, como ludotecas ou espazos infantís. Polo tanto, unha familia con tres fillos pode chegar a percibir unha axuda de ata 600 euros.

O Bono Concilia Familia forma parte das medidas de apoio ás nais e pais que ten en marcha a Xunta de Galicia, tales como a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, sexan públicas, privadas ou de iniciativa social. Esta medida pioneira beneficia máis de 30.000 familias e permítelles ter un aforro de ata 3.000 euros ao ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2025