O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica visitou as tres casas niño do concello de Castroverde

A Xunta destina máis de tres millóns de euros á rede de casas niño do rural, que ofrece un servizo gratuíto a máis de 500 familias

As achegas para o funcionamento destes recursos para este ano increméntanse un 5 % con respecto a anos anteriores

Inclúese ademais unha partida de 1.500 euros adicionais para a renovación de equipamentos ou mellora das instalacións

Castroverde (Lugo), 17 de xaneiro de 2025

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as tres casas niño do concello de Castroverde. Durante o encontro coas promotoras destacou que a Xunta de Galicia destina para este 2025 unha partida de tres millóns de euros para o funcionamento destes recursos que atenden a máis de 500 familias do rural.

A nova orde de axudas para a consolidación das casas niño conta cun incremento do 5% con respecto a anos anteriores. O obxectivo deste aumento é axudar ás promotoras a facer fronte ao aumento  de gastos derivados da suba de prezos ou do incremento das pólizas de seguros. Ademais, este ano inclúese unha partida adicional de 1.500 euros para o cambio de equipamentos ou a mellora das instalacións.

Nestes momentos, Galicia conta con máis de 100 casas niño que ofrecen máis de 500 prazas de atención gratuítas para menores de 0 a 3 anos. Este servizo ofrece unha atención integral e específica para a primeira etapa de vida dos cativos. O obxectivo da Xunta é seguir dando continuidade a estes recursos para responder ás necesidades de conciliación familiar nos concellos máis rurais de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2025