Martina Aneiros comproba os avances nas obras de mellora do centro de día de maiores de Caranza
A delegada da Xunta en Ferrol visitou hoxe o centro onde se están a levar a cabo as actuacións ao abeiro do plan de mellora de centros de maiores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
Os traballos afectarán tanto ao interior como ao exterior do espazo, cun orzamento total de máis de 41.200 euros
Ferrol, 6 de agosto de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe xunto ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o tenente de alcalde de Ferrol, Javier Díaz, as obras de mellora que se están a acometer no centro de día de maiores de Caranza, pertencente á rede pública autonómica.
As actuacións estanse a levar a cabo ao abeiro do plan de mellora de centros de maiores do Consorcio, financiado con fondos europeos MRR, e teñen un orzamento total de máis de 41.200 euros. “Coidar dos nosos maiores é unha prioridade para o Goberno galego, xa que eles son os que pavimentaron o noso camiño”, sinalou a delegada, que explicou tamén que as obras afectarán tanto ao exterior como ao interior centro.
Dentro da propia edificación, como explicou Aneiros, as actuacións consistirán na renovación do firme en diferentes espazos, como no vestíbulo e na recepción, así como na mellora da accesibilidade en dous aseos da planta baixa. Fóra, os traballos centraranse na mellora da urbanización exterior, coa creación dunha zona pavimentada de 65 metros cadrados con tres bancos e dous papeleiras.