Xunta e Celta avanzan para conectar de forma directa a AG-57 coa avenida Clara Campoamor
A delegada en Vigo, Ana Ortiz, e a presidenta do Real Club Celta, Marián Mouriño, e a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, destacan o informe positivo de Medio Ambiente para o novo enlace desde a autoestrada Vigo-Baiona
Vigo, 15 de outubro de 2026
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e a presidenta do Real Club Celta, Marián Mouriño, mantiveron un encontro este xoves no que avaliaron o visto e prace da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ao enlace entre a autoestrada AG-57 (Vigo-Baiona) e a avenida Clara Campoamor.
Ortiz lembrou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este 14 de outubro o anuncio polo que se fai público o informe de impacto ambiental da futura infraestrutura de conexión, determinando que as obras da ligazón non conteñen previsibles efectos adversos significativos sobre o medio ambiente. O informe conclúe que non é necesario someter o proxecto ao procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria sinalando que non provocará un impacto paisaxístico significativo.
A representante autonómica indicou que a actuación a executar localízase nas inmediacións do campus universitario vigués e do Instituto de Educación Secundaria de Valladares, buscando unha conexión directa entre a Universidade e a rede de alta capacidade metropolitana, o que provocaría a redución do volume de tráfico na Avenida Clara Campoamor, tanto nos accesos ao Parque Tecnolóxico e Loxístico da Zona Franca de Vigo, como ao Hospital Álvaro Cunqueiro nas horas punta.
Ademais, o proxecto permitirá que se poida afrontar con garantías o funcionamento das instalación previstas na Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, nun escenario de desenvolvemento completo do Proxecto de Interesa Autonómico. O alcance das obras a executar contemplan o trazado, movementos de terras, firmes e pavimentos, estrutura e sinalización.