A campaña de vacinación contra a gripe avanza coa vacinación en tres centros escolares da comarca de Bergantiños-Costa da Morte
A delegada da Xunta e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, coñeceron o desenvolvemento do programa no CEIP Ramón Otero Pedrayo, onde serán vacinados máis de 250 alumnos e alumnas
A Laracha (A Coruña), 15 de outubro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, visitaron hoxe o CEIP Ramón Otero Pedrayo para coñecer o avance do programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe nos centros educativos. Neste colexio recibiran a vacina máis de 250 rapazas e rapaces.
A iniciativa, impulsada conxuntamente polas consellerías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, iniciouse o pasado 13 de outubro nos centros participantes e busca facilitar a inmunización da poboación infantil, achegando a prevención ao ámbito educativo e contribuíndo a reducir as infeccións respiratorias.
A delegada territorial destacou que os primeiros días de desenvolvemento do programa están a ser moi satisfactorios, con porcentaxes de vacinación que xa superan o 50 % en numerosos centros educativos. Neste sentido, animou as familias a aproveitar os días que restan para participar nesta iniciativa, que facilita a conciliación e achega a prevención ás familias, ao permitir que os nenos e nenas reciban a vacina no propio centro escolar, sen necesidade de desprazarse aos centros de saúde.
Nesta segunda campaña, o programa esténdese a 75 centros educativos das sete áreas sanitarias galegas, 20 máis que no ano anterior, cunha representación de contornas urbanas, semiurbanas e rurais. A previsión é que poidan acceder a esta iniciativa 26.536 nenos e nenas, arredor de 7.500 máis que na campaña precedente, co obxectivo de acadar unha cobertura vacinal infantil do 60 %.
Do Campo lembrou que a experiencia piloto comezou o pasado ano, cando se administrou a vacina intranasal a 9.668 alumnos e alumnas de 55 centros educativos, cunha participación do 51 %.
A delegada destacou a importancia de achegar a vacinación aos colexios, xa que facilita o acceso á inmunización e evita que as familias teñan que desprazarse aos centros sanitarios para este fin. O programa mantén a administración da vacina intranasal, sen necesidade de picada, para o alumnado de entre 3 e 11 anos.
A participación é voluntaria e require que as familias entreguen o consentimento informado asinado. Unha vez recibido, os equipos de enfermaría das distintas áreas sanitarias desprázanse aos centros para administrar as doses. Antes da vacinación, os profesionais sanitarios revisan a historia clínica dos menores para comprobar que cumpren os requisitos médicos necesarios.
Tres centros educativos de Bergantiños-Costa da Morte
Na área sanitaria da Coruña e Cee participan un total de 12 centros educativos, que permiten achegar a vacinación a 6.606 rapazas e rapaces.
Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, ademais do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha, están incluídos o CPR Virxe do Carmen, de Fisterra, e o CEIP Fogar, de Carballo.
A relación de centros desta área sanitaria complétase co CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo; o CEIP Francisco Vales Villamarín, de Betanzos; o CPR Andaina e o CPR Montespiño, de Culleredo; e o CPR Fillas de Cristo Rei, de Oleiros. No concello da Coruña participan o CEIP Eusebio da Guarda, o CEIP María Barbeito e Cerviño, o CEIP Raquel Camacho e o CPR Fogar de Santa Margarida.
A campaña de vacinación avanza de maneira progresiva
A visita enmárcase na campaña de inmunización fronte á gripe e á covid posta en marcha pola Xunta o pasado 28 de setembro. Entre as principais novidades desta edición figuran a ampliación da vacinación antigripal de alta carga ás persoas de entre 65 e 69 anos e o reforzo do programa piloto escolar, que pasa a contar con 75 centros educativos.
Á marxe desta experiencia nos colexios, o pasado martes tamén se iniciou a vacinación fronte á gripe para toda a poboación infantil, dirixida aos nenos e nenas de entre seis meses e 11 anos.
O calendario continuará o próximo luns, 19 de outubro, coa incorporación das persoas de 70 ou máis anos e dos profesionais sanitarios. Posteriormente, o 2 de novembro comezará a vacinación das mulleres embarazadas e, o 9 de novembro, a das persoas a partir dos 60 anos.
A campaña organízase de forma progresiva: comeza nas residencias de maiores e nos centros de atención a persoas con discapacidade e continúa coa incorporación dos distintos colectivos destinatarios.
Por outra banda, a Xunta iniciou o pasado 21 de setembro a campaña de inmunización infantil fronte ao virus respiratorio sincitial, co propósito de protexer os lactantes fronte a unha das principais causas de infección respiratoria e hospitalización durante os primeiros meses de vida.
Finalmente, Belén do Campo lembrou que a campaña fronte á gripe e á covid presta especial atención ás persoas maiores, á poboación infantil, ás mulleres embarazadas, aos profesionais sanitarios e ás persoas con condicións de risco.
Entre os obxectivos establecidos figuran acadar unha cobertura vacinal de polo menos o 60 % na poboación infantil, nas embarazadas e nos traballadores sanitarios, así como chegar a un mínimo do 75 % de vacinación fronte á gripe nas persoas de 60 ou máis anos.