Portos de Galicia e o Concello de Cambados acordan a proposta para a reversión ao Estado de terreos innecesarios para a actividade portuaria

O presidente do ente público reuniuse co alcalde para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade do Estado e no seu caso trasladarse aos Concellos en base aos criterios técnicos consensuados coa FEGAMP

A zona afectada abrangue o paseo da Calzada, a vía portuaria que o conecta coa nave de reparacións navais, a praza de abastos, o Salón Peña e a alameda de Santo Tomé

Mañá celebrarase unha reunión co rexedor da Guarda, logo das outras mantidas esta semana con Cangas e Vilanova de Arousa para incluír estas propostas, xunto coa de Santa Cruz (Oleiros) na primeira fase do proceso que o Consello da Xunta trasladará ao Goberno central para a súa aprobación en Consello de Ministros.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro e 2024

Portos de Galicia e o Concello de Cambados acordaron esta mañá a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre as dúas administracións, na que estivo presente o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde de Cambados, Samuel Lago.

No encontro de traballo ambas partes consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello de Cambados dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados coa Fegamp na recente reunión entre o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias.

En concreto no caso do porto de Cambados, os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello abranguen o paseo da Calzada, a vía portuaria que o conecta coa nave de reparacións navais, a praza de abastos, o Salón Peña e a alameda de Santo Tomé.

A reunión co Concello de Cambados dá continuidade ás celebradas xa cos concellos de Ponteceso, Pobra do Caramiñal, Cangas, Vilanova de Arousa, Foz e A Guarda, para abordar a tramitación da primeira fase de reversións de terreos innecesarios para o uso portuario á Administración Xeral do Estado. O obxectivo é pechar as propostas definitivas destes portos para trasladalas, xunto coa de Santa Cruz, en Oleiros, xa pechada dado que inclúe o total da superficie portuaria, á Consellería de Facenda, que a elevará a proposta conxunta desta primeira fase ao Consello da Xunta. Unha vez aprobada polo Executivo galego, remitirase ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros.

Convenio de colaboración

Na reunión, o presidente de Portos de Galicia trasladou ademais ao alcalde a proposta de convenio de colaboración entre ambas administracións en virtude do cal o ente público autorizará diversas actuacións para uso municipal en terreo portuario. En concreto conveniarase a instalación de cámaras para control de tráfico, a remodelación do parque infantil e a instalación de tres composteiros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/01/2025