A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro coa Comunidade de Montes de Vincios-Gondomar e con empresarios
A Xunta analiza coa `Comunidade de Montes de Vincios´ e con empresarios posibles solucións para acelerar o desenvolvemento do polígono da Pasaxe
A conselleira traslada o compromiso da Xunta de axudar e participar en parte do financiamento necesario para acometer a obra de urbanización do polígono da Fase 1
Explica que o Goberno galego acaba de facer un requirimento formal ao Concello para que lle traslade o expediente e o custe exacto da execución das obras
Gondomar (Pontevedra), 17 de xaneiro de 2025
A Xunta mantivo hoxe un encontro con preto de 100 representantes da Comunidade de Montes de Vincios e con empresarios co obxectivo de analizar posibles solucións para acelerar o desenvolvemento do polígono da Pasaxe en Gondomar.
Nesta reunión, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, trasladoulles o “absoluto compromiso da Xunta de axudar e participar en parte do financiamento” que se precisa para levar a cabo a obra de urbanización deste polígono na súa Fase 1. “Queremos que os mancomuneiros e os empresarios coñezan de primeira man que imos financiar unha parte deses custos”, subliñou.
Para iso, Lorenzana explicou que a Xunta acaba de remitir ao municipio pontevedrés un requirimento formal para “que nos traslade o expediente, os custos exactos de execución da obra, e nos diga se o proxecto é o idóneo para levala a cabo”, explicou.
“Levamos máis dun ano insistindo” para que nos remitan esta documentación “para poder asinar un convenio de colaboración co Concello e axudar a financiar ese sobrecusto e non obtivemos ningunha comunicación oficial nin certificada pola súa parte”, sinalou.