Dous docentes do instituto de Zas realizan o primeiro manual escolar galego sobre intelixencia artificial
A directora xeral de Innovación Educativa, Judith Fernández, coñece de primeira man a iniciativa, que complementa as materias impulsadas desde o Goberno galego e que xa suman máis de 3.000 alumnos matriculados
Destaca a importancia de fomentar desde a escola o uso responsable das novas tecnoloxías intelixentes
Zas (A Coruña), 21 de xaneiro de 2025.-
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá o Instituto IES Maximino Romero de Lema, na localidade coruñesa de Zas, onde gabou a aposta pola innovación educativa dos dous docentes deste centro que son autores do primeiro manual escolar de intelixencia Artificial en Galicia.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP tivo a oportunidade de afondar cos dous profesores do Departamento de Informática, Fina Paulos e Óscar Rey, nos detalles da publicación e na súa utilidade para abordar un enfoque responsable das posibilidades da intelixencia artificial.
A directora xeral explicou que foi precisamente esta necesidade de fomentar un uso axeitado desta nova ferramenta desde a escola o que impulsou ao Goberno galego a poñer en marcha a materia Intelixencia artificial para a sociedade en 4º de ESO, que se complementa en 1º de Bacharelato coa materia Tecnoloxías intelixentes. Entre as dúas, no seu segundo curso de implantación, contan xa con máis de 3.000 alumnos matriculados.
Aplicación práctica e desafíos éticos
Editado por Medulia, o manual Intelixencia artificial para a sociedade propón un achegamento a estas novas tecnoloxías desde unha visión clara e pedagóxica. Inclúe tanto a perspectiva teórica, cun repaso sobre a evolución da disciplina, como múltiple supostos prácticos con información arredor das principais ferramentas neste eido e as súas posibilidades de aplicación. O libro reflexiona, así mesmo, sobre os desafíos éticos, sociais e legais da intelixencia artificial.