A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o Centro de Recuperación Integral (CRI) de Santiago

Fabiola García ratifica o compromiso da Xunta coas vítimas de violencia de xénero ao convocar axudas por importe de máis de 10 M€

Xa se poden solicitar as achegas periódicas de ata 800 euros ao mes, as axudas de pago único, as de indemnización e as destinadas especificamente a mulleres gravemente feridas, orfos e vítimas de violencia vicaria

A conselleira agradeceu o traballo e compromiso do persoal deste centro da Xunta, que atende cada ano a unhas 100 mulleres e aos seus fillos e fillas, dándolles apoio e seguimento e axudándolles a recuperar a súa vida

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2025

A Xunta pon a disposición das vítimas de violencia de xénero un paquete de axudas que suman máis de 10M€ e que xa poden ser solicitadas. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, durante a súa visita ao Centro de Recuperación Integral (CRI) para mulleres vítimas de violencia que a Xunta ten en Santiago.

Fabiola García, que estivo acompañada do director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e pola directora do CRI, Chelo Neira, puido visitar as instalacións deste centro e manter unha reunión coa súa directiva. A conselleira agradeceu o traballo e compromiso do persoal deste CRI, que atende cada ano a unhas 100 mulleres e aos seus fillos e fillas, dándolles apoio e seguimento e axudándolles a recuperar a súa vida.

Tras a visita, a conselleira destacou que Galicia é “a comunidade que conta con máis e mellores recursos” en materia de violencia de xénero, como o demostra o feito de que esta mesma semana convocáronse axudas por un importe superior aos 10M€.

Deste xeito, lembrou que o luns o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria das axudas coas que a Xunta sigue a apoiar a independencia económica das vítimas con pagamentos mensuais de ata 800 euros. Estas achegas, que contan cun orzamento inicial de 5,4M€ e que poden solicitarse durante todo o ano, están destinadas a apoiar a estas mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para facilitar a súa autonomía. Esta prestación periódica supón unha achega de entre 200 e 800 euros para cada unha das beneficiarias, dependendo da súa situación persoal, do número de fillos ao cargo e da súa renda económica.

Fabiola García fixo fincapé en que estas axudas periódicas son unha das principais ferramentas coas que o Goberno galego presta apoio ás vítimas da violencia de xénero, que tamén teñen xa á súa disposición outras tres liñas complementarias que saen publicadas hoxe mesmo no DOG.

Trátase das axudas de pago único -dirixidas ás mulleres que se atopan con dificultades na busca de emprego- e que contan cun orzamento de 2,7M€; as de indemnización -que garanten que perciban as contías que lles corresponden por resolución xudicial-; e as destinadas de xeito específico a mulleres gravemente feridas, orfos/as e a vítimas da violencia vicaria, que dispoñen de 70.000 euros.

Ademais, a Xunta tamén convocou o luns as axudas destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero por parte das entidades locais galegas. O orzamento, neste caso, é de 2,5M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2025