Na presentación do Xeodestino Ribeiro – Carballiño “Corazón termal de Galicia” esta tarde en Fitur

Manuel Pardo sinala ao termalismo como unha das potencialidades turísticas das comarcas do Carballiño e O Ribeiro

O delegado territorial da Xunta en Ourense destacou “o potencial sen límite” do termalismo na comarca O Ribeiro – Carballiño, “onde afloran centos de mananciais de augas termais que están callando nas súas beiras os máis modernos balnearios de Europa”

Manuel Pardo tamén louvou as súas singularidades enogastronómicas, as súas paisaxes indescritibles e o poder do seu patrimonio e da súa historia

O representante do Goberno galego resaltou que a Xunta de Galicia presentou recentemente un novo Plan Termal,  que se impulsará neste ano, co obxectivo de impulsar de forma definitiva este sector, e de potenciar a imaxe de Galicia como destino termal

Ourense, 23 de xaneiro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou “o potencial sen límite” do termalismo na comarca O Ribeiro – Carballiño, “onde afloran centos de mananciais de augas termais que están callando nas súas beiras os máis modernos balnearios de Europa que desenvolven as terapias máis innovadoras; concepto termal que cristalizou na feira de Termatalia”.

Así o fixo, esta mañá na presentación deste xeodestino na Feira Internacional de Turismo, en Madrid, na que tamén louvou as súas singularidades enogastronómicas, as súas paisaxes indescritibles e o poder do seu patrimonio e da súa historia.

O delegado territorial puxo en valor a filosofía do Goberno de Galicia na insistencia dos xeodestinos, por compartir as potencialidades e recursos de municipios e comarcas para valorizar destinos e puntos de confluencia, e así, ser máis eficientes na organización turística, nas técnicas de chamada e os reclamos publicitarios.

Manuel Pardo lembrou que o polbo, o pan, o viño e os recursos termais dentro dun clima, unha orografía, e a biodiversidade do medio, conforman unha paisaxe singular na que conflúen os vales do Avia e do Miño. Na pel das súas augas é un privilexio practicar deportes como a vela, o remo e o piragüismo.

Novo Plan Termal

O  representante do Goberno galego resaltou que a Xunta de Galicia presentou recentemente un novo Plan Termal,  que se impulsará neste ano, co obxectivo de impulsar de forma definitiva este sector, e de potenciar a imaxe de Galicia como destino termal.

Galicia é a primeira potencia termal de España, en gran parte grazas a Ourense que é a segunda cidade europea con máis fontes termais, por iso a Xunta creou a Área de Turismo Termal, con sede en Ourense que ten como principal obxectivo a proxección exterior de Galicia como un referente no termalismo.

Salientou o delegado territorial que o turismo termal en Galicia é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade. “Con maior capacidade de desestacionalización da demanda e con poder para a captación de máis segmentos de público, cun gran atractivo para a articulación de oferta turística combinada con outros produtos ou servizos relacionados co patrimonio cultural, natural, enogastronómico e deportivo”; manifestou

Agora, co novo Plan preténdese afondar na consolidación do sector en Galicia.  Entre outras medidas, esta folla de ruta incluirá unha liña de axudas de 8 millóns de euros para, segundo explicou Manuel Pardo, “crear novos establecementos ou para mellorar os actuais”; “un manual de boas prácticas” para establecer estándares de calidade claros; un observatorio que exercerá de ferramenta de investigación turística; unha aposta pola formación continua especializada; e, ademais, novos produtos turísticos e distintas accións de marketing.

Un Plan que, segundo o representante do Goberno galego, se enmarca na aposta da Xunta por un sector con moito potencial e gran “capacidade para seguir medrando”.

Por todo iso, -concluíu Manuel Pardo- “desde a responsabilidade e o compromiso de representar aquí en Madrid, na feira de turismo máis importante do mundo, á Xunta de Galicia; desexo apuntar as deidades, dunha terra sen complexos, nin vestimentas artificiais que sabe que pode ofrecer un destino singular e diferencial a quenes desexen visitarnos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2025