O presidente da Xunta reuniuse con representantes da Asociación Española de Meninxite

Rueda destaca que Galicia é líder na prevención da meninxite ao contar co calendario de vacinación máis completo de España

Salienta o compromiso da Xunta de cumprir co obxectivo da OMS, reducindo os casos de meninxite nun 50% e as mortes nun 70% en  2030

O Goberno autonómico inviste cada ano 12 M€ en vacinas fronte a meninxite

A comunidade rexistra as taxas de cobertura de vacinación máis altas de España 

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta semana un encontro con representantes da Asociación Española de Meninxite no que destacou que Galicia é líder na vacinación contra esta enfermidade infecciosa ao contar co calendario de vacinación máis completo do país.

Durante a xuntanza, na que participaron a presidenta da entidade, Cristina Regojo, a vicepresidenta, Elena Moya, o delegado de Galicia da asociación, José María García, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, Rueda trasladoulles o compromiso da Xunta en avanzar cara ao cumprimento dos obxectivos da Organización Mundial da Saúde (OMS) reducindo os casos de meninxite nun 50% en 2030 e as mortes nun 70%.

O presidente autonómico lembrou que Galicia inviste cada ano 12 millóns de euros en vacinas fronte á meninxite ao contar con catro tipos no actual calendario de vacinación e ser pioneira na maioría deles. Un labor de prevención que está a dar os seus froitos xa que Galicia rexistra as taxas de cobertura de vacinación máis altas de España, o que permitiu rexistrar só 26 casos de meninxite no último ano analizado.

Cómpre destacar que a sanidade pública galega foi a primeira de España en incluír a vacina tetravalente MenACWY no calendario -aos catro meses cun reforzo aos 12 meses e outro aos 12 anos- e tamén foi pioneira en incorporar a vacinación fronte ao meningococo B -aos dous, catro e doce meses- e en inmunizar tanto aos maiores de 65 anos coma os menores de 18 coa vacina antineumocócica que inclúe vinte serotipos (VNC20).

Pola súa banda, a representación da Asociación Española de Meninxite aproveitou a reunión para agradecer o apoio da Xunta ao documental A meninxite en Galicia: máis aló das cifras, que narra a epidemia desta enfermidade que sufriu a comunidade nos anos 70 e 80 e que será utilizado pola Confederación de Organizacións da Meninxite coma un exemplo para o resto de países europeos.

Aposta pola prevención

O reforzo da inmunización contra a meninxite enmárcase na aposta do Executivo autonómico por consolidar Galicia coma un referente na prevención de enfermidades. De feito, a comunidade conta cun sistema de cribado de referencia internacional fronte a diferentes tipos de cancro -mama, cérvix, colon, e con proxectos piloto de cribado de pulmón e de páncreas-; ten o calendario de vacinación para toda a vida máis completo do mundo, con especial atención á protección da poboación fronte á meninxite; e o cribado neonatal máis amplo de España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2025