A Xunta leva adxudicados máis de 1.230 M€ dos fondos MRR, o 76 % do importe ingresado

Salienta que Galicia “é a segunda comunidade” con maior “taxa de resolución” destes fondos europeos

Máis de 45.000 persoas, case 8.200 autónomos e máis de 5.200 entidades e sociedades se beneficiaron desta financiación

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia xa adxudicou “1.231 millóns de euros dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR)”, o que supón o 90 % do importe publicado en convocatorias e licitacións e “o 76 % do ingresado”.

A boa execución na comunidade tamén a confirman os datos do Ministerio de Economía, que tal e como salientou o presidente, indican “que Galicia é a segunda autonomía con maior taxa de resolución dos fondos MRR” cun 79,7 % (18,3 puntos e 17,6 puntos máis que a media das CC.AA. e a AXE, respectivamente).

Segundo explicou o presidente, o Goberno central acaba de facer un novo reparto entre comunidades que indica que “Galicia recibirá 200 millóns adicionais” que se concentran nos ámbitos de dixitalización, sanidade, formación profesional, rehabilitación de vivenda e tratamento de residuos, entre outros. Así, a suma total de asignacións ascende agora a 1.745 millóns de euros. Desa cantidade, os ingresos recibidos que a Xunta ten á disposición para a execución do MRR ascenden a 1.624 M€. Hai que lembrar que estes fondos se poden executar ata o ano 2026.

Isto supón, segundo os datos que trasladou Rueda, que máis de 45.000 persoas físicas, case 8.200 autónomos e “máis de 5.200 entidades e sociedades” beneficiáronse dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia executados polo Goberno galego ata finais do cuarto trimestre de 2024. De feito, o MRR xestionado pola Xunta terá un impacto a medio e longo prazo na contorna de dúas décimas de media anual no PIB, segundo as estimacións do IGE a partir do modelo QUEST III R&D que emprega a Comisión Europea para a análise cuantitativa de políticas.

As actuacións concéntranse nas compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia relacionadas coa mobilidade sustentable, as enerxías renovables, as políticas públicas para o mercado de traballo, a renovación e ampliación do Sistema Nacional de Saúde, a implantación da Axenda Urbana, a dixitalización, a modernización do sistema educativo, a economía dos coidados e a inclusión social.

Pola súa banda, Rueda lembrou que o Goberno central concentra a xestión dos PERTE –deseñados para o financiamento dos proxectos estratéxicos transformadores de colaboración público privada-, non permitindo que as comunidades interveñan na xestión dos proxectos industriais tractores. Hai 12 PERTEs aprobados, cun orzamento total de máis de 41.000 M€, pero só se adxudicaron 14.574 M€ (35%). A dotación dos PERTE supón o 25 % dos recursos totais do PRTR, incluíndo os recursos adicionais da addenda. 

A participación de Galicia nas adxudicacións dos PERTE é do 5,5 % do asignado en toda España (804 M€), por riba do que lle correspondería por PIB, o que amosa a competitividade dos proxectos presentados pola comunidade galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2025