Belén do Campo asina a acta de comprobación material da nova varredora do Concello do Porto do Son adquirida cun investimento total de máis de 95.000€
A delegada puxo en valor a utilidade deste tipo de investimentos para reforzar os servizos municipais e contribuír á conservación dos espazos públicos, incidindo na importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos para atender as necesidades da cidadanía
O Porto do Son (A Coruña), 11 de novembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde do Porto do Son, Luis Oujo, asinaron esta mañá a acta de comprobación material do investimento da nova máquina varredora destinada a reforzar os labores de limpeza e recollida de residuos nas vías públicas do municipio que contou cunha axuda da Xunta de preto de 78.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo deste ano 2026, e cun investimento total de máis de 95.000 euros.
A Xunta reafirma así o seu compromiso cun desenvolvemento sostible, solidario e respectuoso coa contorna, apoiando aos concellos galegos na preservación do seu medio ambiente.
Nova maquinaria
Durante a visita, a representante autonómica puido coñecer as características e o funcionamento deste novo equipamento, que permitirá mellorar os medios materiais dos que dispón o Concello para realizar as tarefas de mantemento e limpeza dos espazos públicos.
A máquina, autopropulsada e equipada cun sistema de varrido por aspiración, conta con dous cepillos laterais e unha tolva para o almacenamento dos residuos recollidos, así como con sistemas que facilitan o seu manexo e mantemento. Incorpora tamén unha cabina acondicionada para o traballo do operario e distintos dispositivos electrónicos para controlar as funcións de varrido, aspiración e descarga.
Belén do Campo puxo en valor a utilidade deste tipo de investimentos para reforzar os servizos municipais e contribuír á conservación dos espazos públicos, incidindo na importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos para atender as necesidades da cidadanía e avanzar na mellora da contorna.
O Fondo de Compensación Ambiental é unha ferramenta de apoio aos concellos galegos para financiar actuacións orientadas á protección, conservación e mellora do medio ambiente, así como iniciativas que contribúan a unha xestión máis sostible dos recursos e dos servizos municipais.
Con esta adquisición, o Concello do Porto do Son incorpora novos medios para desenvolver os traballos de limpeza viaria e recollida de residuos, contribuíndo ao coidado dos espazos públicos e á mellora da calidade ambiental do municipio.
Fondo Compensación Ambiental 2026
Belén do Campo explicou que o Fondo de Compensación Ambiental foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. Conta con dúas liñas: unha non competitiva, dotada con 6 millóns de euros, dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos ou nos que haxa vías de evacuación e a competitiva destinada a todos os municipios e a mancomunidades ou consorcios locais de Galicia que contou con 3 millóns de euros para o conxunto de Galicia.
Concretamente, na liña non competitiva a delegada lembrou que a Xunta de Galicia repartiu neste 2026 na provincia máis de 2,1 millóns de euros para 42 proxectos e na comarca de Barbanza recibiron estas achegas 10 concellos (Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Outes, Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo e Ribeira) por un importe de máis de 528.000 euros.
Na liña competitiva na provincia da Coruña foron beneficiados 23 concellos, ademais do Consorcio das Mariñas e da Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol por un importe total de máis de 614.000 euros e na comarca do Barbanza 4 municipios, concretamente, Boiro, Lousame, Outes e Ribeira con axudas por un importe total de preto de 124.000 euros.
Entre as actuacións subvencionables englóbanse aqueles investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio como campañas divulgativas e de sensibilización sobre boas prácticas ambientais, plans e proxectos ambientais; as accións de eficiencia enerxética e de redución da contaminación lumínica; ou as melloras enerxéticas nas instalacións municipais, xa sexa na envolvente do edificio, iluminación e climatización interior e instalación de caldeiras de biomasa, paneis solares térmicos ascensores eficientes ou sistemas de aforro de auga. Tamén se financia ao abeiro destas axudas a adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, así como os destinados a actuacións a prol da contorna natural e para a recollida e traslado de residuos.
A delegada territorial sinalou que tamén poden acollerse a estas axudas as infraestruturas destinadas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais (centros de interpretación, aulas de natureza, paseos, áreas recreativas, rutas de sendeirismo...), as actuacións a prol da integración paisaxística nos núcleos rurais e os proxectos para evitar a degradación e facilitar o control ambiental no ámbito municipal (equipamento para a recollida de residuos, proxectos de saneamento e abastecemento de auga, maquinaria para a protección de ambiente, recuperación de espazos degradados ou obras en edificios para reducir os riscos derivados da exposición ao gas radón). A maiores, as axudas cobren tamén os gastos do persoal vinculado á execución das accións subvencionables.