A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na presentación do centro ás entidades do CERMI
Fabiola García destaca que a xestión social do CAPD de Ourense será garante dunha atención e un servizo de máxima calidade e de vangarda
Avanza que a previsión é que este centro público, que contará con 110 prazas e será xestionado por unha entidade social, abra as súas portas en abril
Subliña a aposta do Goberno galego polas entidades sociais que “aportan unha sensibilidade única e están totalmente preparadas e así o levan demostrando moitos anos”
Garante que os usuarios do CAPD de Ourense “estarán perfectamente atendidos e a Xunta velará porque así sexa”
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta mañá cos representantes das entidades que conforman o CERMI para presentarlles as principais características do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense. Tras o acto, a conselleira subliñou que a Xunta destinará 8 M€ á xestión do centro nos próximos dous anos e destacou que a xestión social “será garante dunha atención e un servizo de máxima calidade e vangarda”.
No encontro, no que se avanzou que a previsión é que este centro público, que contará con 110 prazas e será xestionado por unha entidade social, abra as súas portas o vindeiro mes de abril, tamén participaron o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, o delegado da Xunta na provincia, Manuel Pardo, a deputada de Políticas Sociais da Deputación, Patricia Torres, a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e o presidente do CERMI, Ramón Sestayo
Tras a reunión, a conselleira de Política Social e Igualdade destacou o papel do CERMI como “interlocutor fundamental” da Xunta e agradeceu o seu compromiso que, segundo incidiu, “axuda a seguir mellorando o benestar das persoas con discapacidade e as súas familias”. Nesta liña, fixo fincapé na aposta do Goberno galego polas entidades sociais que “aportan unha sensibilidade única e permiten prestar unha atención da máxima calidade aos usuarios”.
En relación ao CAPD de Ourense, lembrou que o centro, no que o Goberno galego investiu 10M€ na súa construción, xa está totalmente equipado e conta con servizos de vangarda. Este centro disporá de 110 prazas públicas (30 de atención diúrna e 80 residencial) e prezos 100% públicos. Concretamente, o CAPD ofertará prazas específicas para persoas con autismo, para discapacidade intelectual, parálise cerebral e dano cerebral.
No tocante á xestión social do centro, a conselleira garantiu que os usuarios do CAPD “estarán perfectamente atendidos e a Xunta velará porque así sexa” e subliñou que “é o momento de darlle a confianza que merecen ás entidades sociais”.
Neste sentido, lembrou que estas entidades están, na súa maioría, integradas por familias, nais, pais e persoas con discapacidade que decidiron aliarse e conformar este tecido asociativo. Polo que, engadiu, “están totalmente preparadas e así o levan demostrando moitos anos”.