A Xunta activa esta madrugada a alerta vermella no litoral da Coruña e Lugo por temporal costeiro
Na costa de Pontevedra manterase activa a alerta laranxa
Mantense a suspensión da actividade deportiva federada no mar en toda Galicia
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025
A Xunta vén de activar a alerta vermella por temporal costeiro desde esta madrugada no litoral da Coruña e Lugo, mentres que na costa de Pontevedra se manterá a alerta laranxa.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta vermella comezará nesta medianoite e afectará aos litorais da Coruña e Lugo por mar combinada do noroeste con ondas de ata nove metros, principalmente entre Ortegal-Bares e mar adentro. Durante toda a xornada de hoxe todo o litoral galego está en nivel laranxa, no que se manterá tamén mañá a costa de Pontevedra por vento do oeste-suroeste de forza 8 e mar combinada do oeste con ondas de sete metros aumentando a noroeste con ondas de ata oito metros.
Debido ás últimas actualizacións dos partes meteorolóxicos dos distintos organismos predictores, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes mantén para mañá pola mañá a suspensión en toda Galicia a actividade deportiva federada no mar.
De cara a reducir riscos pola alerta vermella, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén non saír a navegar, pescar ou practicar deportes náuticos, así como que se respecten os cordóns de seguridade e as indicacións dos axentes e se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.