A Xunta investiu o ano pasado case 789.000 € en actuacións nun cento de entidades veciñais da provincia de Ourense

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a asociación veciñal, cultural e deportiva Calvelle do Pereiro de Aguiar, unha das oito asociacións de veciños beneficiarias o ano pasado cunha achega total de case 119.000 

Lembrou que ata o 17 de febreiro está aberto o prazo de solicitude da convocatoria deste ano, que incrementa o orzamento en 1 M€ ata acadar os 4 M€

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 30 de xaneiro de 2025

A directora xeral de Administración Local visitou hoxe as melloras levadas a cabo na asociación veciñal, cultural e deportiva Calvelle, unha das oito  entidades do concello do Pereiro de Aguiar beneficiarias o ano pasado da orde de axudas do Plan de Acción Comunitaria da Xunta destinada a colectivos veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas. Xunto coa de Calvelle, tamén recibiron apoio para obras nos seus locais sociais e/ou dotación de equipamento, as asociacións de veciños de San Bernardo de Tibiás, de Veiga do Loña,  de Cachamuíña, da parroquia de Cobas, de Santa María de Lamela e Amigos de Monterrei-Pereiro e de Mirasol, en Vilafermosa

Na provincia de Ourense, estas subvencións chegaron en 2024 a un cento de entidades cun investimento de case 789.000 euros e no conxunto de Galicia o orzamento de 3 millóns de euros destinouse a 341 proxectos. 

Na visita, a directora xeral puido comprobar as melloras levadas a cabo na accesibilidade do local social da asociación de veciños de Calvelle coa dotación dun itinerario accesible na entrada e a creación dun aseo para persoas con mobilidade reducida. Tamén se reparou a cuberta e realizáronse traballos de mellora nas fachadas, nas ventás, nos parámetros interiores, no pavimento e no teito, así como nas instalacións de fontanería, electricidade, calefacción ou saneamento. A asociación tamén foi beneficiaria da liña de axudas para equipamento desta orde.

Natalia Prieto lembroulle aos representantes da entidade que ata o 17 de febreiro poden solicitarse as axudas da convocatoria deste ano, que conta cun investimento de 4 millóns de euros, o que supón un incremento de  1 millón de euros. O Goberno galego pretende recoñecer así o papel fundamental que estas entidades xogan na dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida dos veciños.

Explicou que, como todos os anos, a orde conta con dúas liñas de actuación: unha destinada a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións veciñais e de mulleres rurais e para obras nas traídas de auga comunitarias, dotada de 3,4 millóns e outra para a dotación de equipamento para o funcionamento das mesmas e a organización de actividades específica que conta con outros 600.000 euros de orzamento.

As contías económicas poden cubrir o 100 % do investimento realizado ata un máximo de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 para a dotación de equipamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2025