O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá o centro, que conta con prazas sufragadas pola Administración autonómica
A Xunta financia obras de mellora da accesibilidade e un programa de estimulación cognitiva na residencia de maiores As Dores
Destina preto de 150.000 euros con cargo ao 0,7 % do IRPF a estas actuacións, que redundarán no benestar das persoas usuarias do centro
Lalín (Pontevedra), 31 de xaneiro de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego coa mellora dos centros residenciais e o desenvolvemento de programas que melloren a calidade de vida das persoas usuarias dos mesmos. Díxoo durante unha visa á residencia As Dores, que conta con prazas financiadas pola Xunta de Galicia.
Este centro residencial recibiu unha achega de preto de 150.000 euros con cargo ao 0,7 % do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). En concreto, estes fondos empréganse en continuar coas obras de mellora da accesibilidade, da habitabilidade e da eficiencia enerxética, co fin de que os usuarios poidan desfrutar dunhas instalacións máis confortables. Así, entre outras actuacións, crearase unha sala de visitas e ampliarase o comedor do centro, ademais de reformarse os aseos
Así mesmo, estas achegas sufragan un programa de estimulación cognitiva a través de música. O director xeral explicou que este tipo de iniciativas son clave para previr demencias e fomentar un envellecemento activo e saudable.
Antón Acevedo enmarcou estas axudas no apoio que o Executivo autonómico presta a todas aquelas iniciativas que redunden na mellora da calidade de vida das persoas maiores.