A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a sede de Aspas en Santiago de Compostela
A Xunta blinda o seu apoio ao tecido asociativo con 33 M€ en axudas con cargo ao 0,7% do IRPF que benefician a 155 entidades
Fabiola García destaca que estas achegas facilitarán o desenvolvemento de 744 programas de protección da infancia, atención das persoas maiores e con discapacidade, a inclusión, a igualdade e a loita contra a violencia de xénero
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe a sede da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Santiago (Aspas). Nesta visita informou da resolución da orde de axudas con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) dirixidas a entidades sociais que traballan nos ámbitos da atención ás persoas maiores, da discapacidade, de menores, da promoción da igualdade ou da inclusión.
Concretamente, indicou que un total de 155 entidades sociais galegas benefícianse desta orde de axudas da Consellería de Política Social e Igualdade, que estivo dotada dun orzamento de 33 M€. En total, estas axudas facilitarán o desenvolvemento de 744 programas e proxectos. O obxectivo da Xunta con estas achegas é continuar apoiando ao tecido asociativo e traballando da súa man para que as persoas máis vulnerables conten cos recursos que necesitan para desenvolver o seu proxecto de vida.
A conselleira destacou a traxectoria de Aspas e agradeceu o seu traballo en favor das persoas con discapacidade. Con cargo á orde do 0,7% do IRPF, esta entidade recibe unha axuda de máis de 65.700€ para financiar unha actuación de mellora da eficiencia enerxética nas súas instalacións.