O titular do Goberno galego participou nun foro organizado polo diario 'El Mundo'

Rueda reivindica a unión de forzas en torno á Declaración de Santiago para garantir que todos os españois accedan aos servizos públicos coa mesma calidade

Espera que a renovación da adhesión a este acordo promovida xunto co presidente de Aragón “teña éxito e apoio” xa que é “máis necesaria que nunca”

Defende o papel fundamental das autonomías na vertebración do territorio e apunta que “construíndo unha mellor Galicia é posible construír unha mellor España”

Reivindica que a marca Galicia Calidade representa o mellor da Comunidade, como a educación gratuíta, o investimento récord en sanidade ou os avances en ciencia

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por “unir forzas” para que o financiamento autonómico garanta que todos os españois poidan acceder  “a servizos básicos como a sanidade, a educación e os servizos sociais coa mesma calidade”.

Así o sinalou hoxe durante a súa participación nun foro organizado polo diario El Mundo, baixo o nome da España Vertebrada, onde defendeu a vixencia da Declaración de Santiago. O responsable do Executivo autonómico espera que a renovación da adhesión a este acordo promovida xunto co presidente de Aragón teña “o éxito e o apoio que creo que nestes momentos é máis necesario que nunca”.

Na súa intervención, Rueda defendeu que as autonomías teñen un papel fundamental na vertebración de España, entendida esta como “construír pontes, reducir ao mínimo as lexítimas diferencias e descubrir propósitos e obxectivos comúns”, e subliñou que “construíndo unha mellor Galicia é posible construír unha mellor España”.

Neste sentido, o presidente galego fixo unha defensa da política útil centrada nos problemas reais da cidadanía e destacou os avances que está realizando o Goberno galego en distintas materias e que englobou dentro da marca Galicia Calidade, que representa o mellor do territorio.

Así, destacou que Galicia Calidade é, por exemplo, o investimento récord na sanidade pública (case 5.500 millóns de euros), o que permite contar, entre outros avances, co calendario de vacinación máis completo do mundo; a educación gratuíta, desde a escola infantil á universidade; o crecemento do investimento en I+D+i; ou a aposta pola vivenda, co obxectivo de duplicar nesta lexislatura o parque público e pasar de 4.000 a 8.000 vivendas.

No ámbito económico, o presidente da Xunta salientou que en Galicia “temos moitísimos exemplos dos que temos que sentirnos orgullosos” de empresas que se asentaron na Comunidade, apuntando así mesmo que hai que recibir “cos brazos abertos” a todas as iniciativas que buscan asentarse no territorio sempre que “cumpran coas condicións que se lle van esixir”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2025