A Xunta destaca as medidas de aceleración de solo industrial para facilitar o crecemento das empresas en Galicia
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, realizou unha visita ao viveiro industrial PEMOS
Mos (Pontevedra), 4 de febreiro de 2025
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, destacou hoxe as medidas de aceleración de solo industrial postas en marcha pola Xunta para facilitar o crecemento das empresas na Comunidade galega.
Durante a visita ao viveiro industrial PEMOS, Margarita Ardao, sinalou que un dos obxectivos da política industrial do Goberno galego é que as empresas teñan máis facilidades de acceso ao solo industrial, así como promover o crecemento das firmas xa implantadas en Galicia.
Neste sentido, puxo en valor as novas figuras de aceleración da ordenación de solo empresarial, como son as Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes) que proporcionan axilidade e facilidade a aqueles proxectos que precisan solo de maneira urxente. En concreto, permiten simultanear a tramitación urbanística coa dos proxectos, de xeito que se pasaría dunha media de dez anos a menos de dous anos para que as empresas poidan comezar a súa construción.
Finalmente, lembrou que estas figuras de ordenación súmanse á medida de poñer solo industrial gratuíto á disposición das empresas durante os primeiros oitos anos que permitirá ao tecido empresarial acceder a máis de 500.000 m².