Alfonso Villares inaugura a Xornada técnica: apoios á promoción comercial e internacionalización do sector mar-industria de Galicia
A Xunta impulsa a expansión exterior do tecido industrial marítimo-pesqueiro galego cun investimento de 90 M€
Na actualidade, Galicia é 15ª potencia exportadora mundial de produtos pesqueiros, alcanzando as empresas en 2023 un volume de facturación de 2.800M€
O conselleiro defende a extraordinaria calidade dos alimentos que saen da rexión e traslada a vontade do Goberno galego de seguir xerando accións que aumenten a competitividade do sector, a eficiencia do tecido empresarial e o aumento do consumo
Este departamento incrementou nun 29% o apoio económico á dinamización dos mercados e un 11,3% o destinado á participación en feiras, chegando en 2025 á trintena de encontros nacionais e internacionais
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, inaugurou este xoves a Xornada técnica: apoios á promoción comercial e internacionalización do sector mar-industria de Galicia, organizada polo departamento que dirixe co fin de aumentar a competitividade, a eficiencia do tecido empresarial marítimo-pesqueiro e mellorar as marxes económicas, mantendo unha actividade sustentable nos eidos social e económico.
Trátase, segundo explicou o responsable autonómico, de seguir impulsando o valor engadido e de reforzar a posición de Galicia no mercado exterior. De aí que esta iniciativa de dinamización, sumada a outras de capacitación para aproveitar as oportunidades que ofrecen os mercados exteriores, a través da sinatura de convenios de colaboración con distintas entidades; e das iniciativas de expansión, coa participación en feiras; sexan instrumentos estratéxicos da Consellería para xerar novas oportunidades de negocio e de fomento da pesca sostible. Son accións que reciben neste ano un investimento de 90 millóns de euros, tal e como puxo en valor Villares.
O obxectivo non é outro que seguir consolidando a Galicia como elemento tractor na economía vinculada ao mar. Na actualidade, segundo avanzou o conselleiro, a Comunidade é a décimo quinta potencia exportadora mundial de produtos pesqueiros. Así, en 2023, o volume de facturación das empresas galegas alcanzaron os 2.800 millóns de euros, de tal xeito, que as vendas no exterior aumentaron preto dun 4% con respecto a 2022 e máis dun 130% con relación a 2009.
E é que os alimentos que saen da costa galega, ademais de cumprir escrupulosamente coa norma comunitaria, o que implica a sustentabilidade dos recursos, teñen un alto valor proteico cos conseguintes beneficios que isto ten para a saúde das persoas. Por este motivo, e dado que Galicia é un gran provedor e subministrador, Villares lamentou que outras administracións, como é o caso do Goberno central, declinen a baixada do IVE a estes alimentos ou a tramitación do decreto que regularía a seguridade alimentaria e nutrición para o fomento dunha alimentación saudable e sostible nos centros educativos.
Impulso nacional e internacional
O simposio prolongouse durante toda a mañá e contou coa participación do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e de distintos técnicos da Consellería do Mar que abordaron este asunto, así como da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, quen tamén fixo fincapé na importancia de seguir impulsando políticas e proxectos que incentiven o consumo de peixe e marisco. E é que, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, estamos no momento no que menos pescado se come, con 18,7 quilos por persoa e ano. Neste senso, a directora xeral situou o proceso de apertura ao exterior como unha estratexia empresarial indispensable, xa que garante crecemento e estabilidade. Con este obxectivo, relatou que Mar incrementou nun 29% o apoio económico á dinamización dos mercados e en accións promocionais do consumo e nun 11,3% o orzamento destinado á participación en feiras e eventos. Así, en 2025, o departamento que dirixe Alfonso Villares, estará presente en 29 encontros nacionais e internacionais.