O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, visitaron as instalacións
A Xunta sinala que o centro de crise 24 horas de Ourense é un punto de referencia na loita contra a violencia de xénero na provincia
Galicia conta con cinco recursos destas características que ofrecen atención e asesoramento ás vítimas a través de profesionais multidisciplinares
Ourense, 5 de febreiro de 2025
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, destacou que o centro de crise 24 horas situado no hospital de Ourense xa é un punto de referencia na loita contra a violencia machista na provincia. Así o sinalou durante unha visita ás instalacións na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo.
Roberto Barba fixo fincapé en que este centro súmase aos recursos existentes para facer fronte á violencia de xénero. Así, destacou que ademais de ofrecer unha atención especializada e integral ás vítimas, tamén ofrece asesoramento e acompañamento. Trátase dun recurso operativo as 24 horas do día e que se atopa situado na área de urxencias do hospital para garantir unha rápida atención e evitar a revitimización.
Nesta liña, o director xeral lembrou que neste centro traballa un equipo de persoal multidisciplinar especializado na atención psicolóxica, social e xurídica. Ademais, lembrou que esta mesma semana a Xunta e as universidades públicas, entre elas a Universidade de Vigo que conta cun campus na cidade de Ourense, acordaron conectar os diferentes recursos públicos dispoñibles na atención ás vítimas de violencia de xénero.
Roberto Barba tamén sinalou que a Xunta con diferentes recursos espallados por toda a comunidade e que ofrecen atención e asesoramento ás mulleres vítimas de calquera violencia machista. Ao respecto, lembrou os 84 Centros de Información á Muller que dan servizo a preto de 200 concellos e que representan, xunto aos centros de crise, os puntos de referencia máis próximos e directos á cidadanía.
Visita á Fundación de Solidaridade Amaranta
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero tamén visitou as instalacións da casa de acollida da Fundación Solidaridade Amaranta que ofrece apoio, aloxamento e atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero e as súas fillas e fillos. Barba destacou a importancia deste recurso para a recuperación das vítimas.
Neste senso, sinalou que a Xunta de Galicia achega, a través dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, 252.000 euros cada ano para garantir o seu funcionamento. Así mesmo, durante o ano 2024 o Executivo galego financiou con máis de 168.000 euros a rehabilitación das instalacións, con obras de mellora, novo equipamento e a adquisición dun vehículo.
O director xeral trasladou que a Xunta seguirá reforzando os recursos de loita contra a violencia machista e traballando para poñer en marcha medidas de prevención e sensibilización en materia de xénero. Deste xeito, reafirmou o compromiso da Administración autonómica para facer de Galicia un referente na igualdade e na loita contra a violencia de xénero.