A Xunta destaca en Marín as novas achegas para fortalecer a capacidade de dinamización económica e territorial dos centros comerciais abertos

Marín (Pontevedra) , 7 de febreiro de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e da alcaldesa de Marín, María Ramallo, participou esta mañá na inauguración da feira de oportunidades Stock Marín, unha iniciativa organizada polo Centro Comercial Aberto Estrela de Marín que conta co apoio da Xunta e que se celebrará durante toda a fin de semana na carpa instalada na alameda Rosalía de Castro.

Gabriel Alén destacou a importancia deste tipo de eventos de dinamización comercial non só como unha canle idónea para incentivar as vendas e impulsar a atracción de novos clientes, senón tamén polo seu rol fundamental na vitalidade das localidades, atraendo visitantes e dinamizando a vida económica e social. Neste senso, fixo fincapé en que hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a nova orde de apoios específicos para estas figuras, cun orzamento de 2,5 millóns de euros e cunha intensidade da axuda que pode chegar ata o 90 %, buscando potenciar ao máximo a calidade e a excelencia das propostas de dinamización a prol do impulso do comercio de proximidade nas vilas e cidades galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2025