O presidente da Xunta realizou un percorrido pola terceira edición da Feira Innovart no Museo Centro Gaiás

Rueda destaca que cada vez máis alumnos galegos apostan por formarse nas ensinanzas artísticas, lingüísticas e deportivas

Sinala que medidas como diversificar a oferta e a gratuidade da matrícula nas Ensinanzas Artísticas Superiores en centros públicos galegos axudan a este incremento

Apunta á importancia de estimular o talento da xente nova que atope a súa vocación nestas e outras formacións

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2025

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou que un número crecente de alumnos galegos deciden formarse nas ensinanzas artísticas, lingüísticas e deportivas.

Na súa intervención ao remate da visita á Feira Innovart 2025, na que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o presidente da Xunta agradeceu a “organización” e “visión de futuro” do evento, destinado a promocionar e difundir estas ensinanzas, perseverando na potencia e calidade galegas nas artes, deportes e idiomas.

Nesta liña, Rueda desexou que o evento, que encara o seu segundo día de actividade, sirva para que a xente máis nova coñeza “todas as oportunidades que teñen para orientar o seu futuro”, espertando vocacións. Ademais, apuntou á necesidade de colaborar con centros, docentes e familias para estimular o talento de “aqueles que queren coñecer e formarse máis”.

O titular do Executivo galego tamén falou do compromiso da Xunta coa educación e a cultura, apostando por continuar ampliando e diversificando a oferta educativa. Grazas a esta e a outras medidas como a gratuidade da matrícula para o alumnado nas Ensinanzas Artísticas Superiores en centros públicos galegos, xa son case 35.000 os alumnos que apostan por esta formación, un número que segue medrando.

Máis de 7.000 asistentes

Máis de 7.000 persoas pasan por Innovart 2025, o maior evento en Galicia de promoción e difusión destas ensinanzas, entre alumnos e docentes dos centros que amosan a súa oferta (conservatorios, escolas de distintas disciplinas artísticas, escolas oficiais de idiomas, centros que imparten ensinanzas deportivas…), escolares e público en xeral.

A feira conta con 4.100 m² distribuídos nos andares -1 e 0 do Museo Centro Gaiás nos que se ofrecen máis de 300 actividades entre obradoiros interactivos, exposicións, actuacións de danza e teatro, concertos e actividades deportivas, que se desenvolven nos 26 espazos de exhibición. Ademais, os estudantes e docentes das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas ofrecen asesoramento sobre elas aos alumnos que se achegan desde centros educativos de toda Galicia para visitar a feira.

Como novidade nesta edición increméntanse tanto o número de centros e alumnos participantes como o de escolares que visitan o evento. Tamén se inclúen novidosos obradoiros de cada unha das ensinanzas, así como novos espectáculos, concertos e representacións escénicas, cunha maior presenza de proxectos realizados en colaboración entre diferentes centros.

Data de actualización: 07/02/2025