A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou esta mañá o Parque Natural para comprobar o resultado dos traballos de roza e limpeza executados

A Xunta acondiciona 40.000 m2 da lagoa de Vixán para facilitar o desaugado natural desta zona húmida

Ángeles Vázquez explica que se trata da primeira vez que se acomete esta actuación e que o obxectivo é repetir cada ano o proceso para manter a zona en bo estado

Salienta tamén que na zona do aparcadoiro de Corrubedo vénse de renovar toda a balaustrada co fin de protexer o espazo natural cun investimento de case 49.000 €

A maiores das actuacións de conservación que executa a Consellería nos espazos protexidos, lembra que a Xunta destina 1,24 M€ en axudas para apoiar a execución proxectos de carácter ambiental na Rede de parques naturais de Galicia

Ribeira (A Coruña), 9 de febreiro de 2025

A Xunta acondicionou nos últimos meses unha superficie de aproximadamente 40.400 metros cadrados na lagoa de Vixán, en Corrubedo, co fin de facilitar o desaugado natural desta zona húmida e garantir deste xeito o seu bo estado en todas as épocas do ano.

Durante unha visita á zona na que se acometeron os traballos para comprobar os resultados, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, enmarcou estas actuacións nos labores de mantemento e conservación que realiza periodicamente o seu departamento na Rede de parques naturais de Galicia e máis concretamente, no Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.

Así, actuouse en 40.400 metros cadrados da lagoa e limpáronse 310 metros do rego de Vixán, un espazo onde abunda o carrizo e ao que recorrían antigamente os veciños para alimentar o gando, pero ao que actualmente xa non se lle dá este uso polo que a Xunta decidiu acometer a súa roza para facilitar o desaugado natural da lagoa.

Neste sentido, a responsable autonómica sinalou que é a primeira vez que se acomete este tipo de actuación na zona e que o obxectivo é repetir a operación cada ano, a partir de agora, para mantela limpa e libre de carrizo para que a auga poida fluír. Este tipo de traballos, segundo explicou, contribúen a garantir o bo estado de conservación do parque natural e dos seus hábitats, moi vencellados ás zonas húmidas deste espazo.

Así mesmo, Ángeles Vázquez referiuse tamén a outra actuación acometida recentemente polo seu departamento no Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.

En concreto, explicou que na zona do aparcadoiro se acaba de reparar e renovar toda a balaustrada co obxectivo de protexer o espazo protexido circundante, cun investimento de case de 49.000 euros.

Estas pequenas actuacións puntuais, engadiu, resultan moi relevantes para a correcta conservación dos espazos naturais protexidos da Comunidade e contribúen “a que Galicia siga sendo un referente en materia de paisaxe e natureza”.

En todo caso e a maiores dos labores de conservación e mellora que executa a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático nos seis parques naturais de Galicia, a conselleira lembrou que a Xunta destina 1,24 millóns de euros ás axudas para apoiar a execución de proxectos de carácter ambiental na Rede de parques naturais de Galicia, unha orde publicada o ano pasado e de carácter bianual.

Bandeira verde Ribeira

Por outra banda, Ángeles Vázquez participou tamén no acto de izado da bandeira verde concedida ao Concello de Ribeira no marco da convocatoria de 2024 en recoñecemento ao seu labor e compromiso co coidado da paisaxe e o medio ambiente. Neste sentido, engadiu que nesta quinta edición das Bandeiras Verdes de Galicia se acadou unha cifra récord tanto de candidaturas como de municipios galardoados, cun total de 24 concesións, sendo a provincia da Coruña a que logrou máis bandeiras (9).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2025