A Xunta lanza a nova convocatoria de Escolas Abertas para impulsar a formación especializada dos docentes das entidades galegas do exterior

Esta iniciativa do Goberno galego promove a formación especializada para as persoas que imparten docencia nas entidades galegas do exterior, en actividades como baile, percusión, pandeireta ou cociña, entre outras

Trátase de cursos presenciais que pretenden garantir a participación da cidadanía galega no exterior, tanto na vida social como na vida cultural de Galicia, de cara a dinamizar as comunidades galegas de Europa e América

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá luns a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se regula e convoca o programa de Escolas Abertas 2025, unha iniciativa do Goberno galego que promove a formación especializada para as persoas que imparten docencia nas entidades galegas do exterior.

Trátase, polo tanto, dun programa de formación de formadores, co obxectivo de que os profesores e profesoras que traballan nos distintos centros galegos do mundo teñan a oportunidade de vir a Galicia a participar en diferentes talleres de especialización, co que se lles aporta unha formación altamente especializada e cualificada.

Concretamente, os cursos previstos —que se levarán a cabo no mes de xullo— contemplan obradoiros de especialización das seguintes modalidades: formación de persoal directivo, gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, confección de traxe tradicional galego e cociña galega.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización destas formacións e do custo da estadía, do material didáctico e das viaxes de ida e volta das persoas participantes.

O prazo de presentación de solicitudes, dun mes, nesta ocasión abre a posibilidade de participar neste programa a un total de 80 docentes galegos residentes no exterior, dos que 20 procederán dos diferentes países de Europa, e outros 60, do resto do mundo.

Efecto multiplicador da cultura galega

Escolas Abertas permite, deste xeito, espallar a cultura, as tradicións e a idiosincrasia galega por todo o mundo a través da convivencia e da estadía de profesores que imparten clases en diferentes entidades galegas do mundo, que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos.

Os alumnos deste programa son, así, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega deste xeito aos cidadáns da Galicia do exterior. Coa instrución e mellora de habilidades dos docentes participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.

A Secretaría Xeral da Emigración salienta a importancia de seguir impulsando a difusión da cultura galega, lembrando o rol que xogan as entidades galegas do exterior para manter vivas as raíces dos emigrantes e dos seus descendentes coa súa terra de orixe.

Data de actualización: 09/02/2025