Rueda mantén un encontro co embaixador de Canadá para reforzar as relacións institucionais e comerciais entre Galicia e o país norteamericano
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta semana unha reunión co embaixador de Canadá en España, Jeffrey Marder, para reforzar as relacións institucionais, económicas e comerciais entre Galicia e o país norteamericano.
Durante o encontro, no que estivo acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, os dous mandatarios apostaron por reforzar os intercambios a nivel comercial e económico que manteñen ambas rexións en eidos como o sector pesqueiro, a metalurxia, a automoción ou o agroalimentario.
No pasado ano, un total de 252 empresas galegas exportaron os seus produtos a Canadá e aumentou nun 44% o número de compañías que venden de xeito regular a este país ata superar as 113. O sector metalmecánico e a industria agroalimentaria son as que rexistran un maior volume de exportacións ao mercado canadiense.