Galicia aposta por máis simplificación nas leis europeas

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE defendeu na Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións unha normativa comunitaria máis sinxela, eficaz e próxima á cidadanía

Bruxelas, 10 de novembro de 2026

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na 11ª reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións, centrada na mellora da calidade da lexislación europea. No debate e aprobación do ditame Un corpus lexislativo da UE máis simple, claro e mellor aplicado, Gamallo trasladou o apoio de Galicia aos esforzos da Unión Europea para avanzar cara a unha simplificación nas leis europeas e reducir as cargas administrativas que afectan á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas.

Durante a súa intervención, destacou que unha mellor regulación debe traducirse en trámites máis áxiles, menos burocracia e maior seguridade xurídica. Defendeu tamén que a simplificación normativa non pretende reducir as esixencias das políticas europeas, senón facer a lexislación máis clara, comprensible e doada de aplicar.

Así mesmo, subliñou a importancia de dar maior protagonismo ás rexións na elaboración das políticas europeas, xa que son as encargadas de aplicar boa parte das decisións comunitarias e coñecen de primeira man a realidade do territorio. Por iso, defendeu reforzar a consulta ás autoridades rexionais e locais e aproveitar mellor a experiencia do Comité Europeo das Rexións.

Comisión CIVEX

No mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na Comisión de Política Económica (ECON) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última coordina o traballo do CdR en materia de cidadanía, democracia, gobernanza multinivel, subsidiariedade e participación cidadá, así como nos asuntos institucionais e exteriores da UE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2026