A Xunta recibe 10 ofertas para executar as obras de acondicionamento do firme en 3 estradas autonómicas ao seu paso por 4 concellos da comarca de Ferrol
As actuacións, licitadas por un investimento de máis de 2 M€, comprenden varios treitos das estradas AC-110, AC-112 e AC-564, que discorren polos concellos das Pontes, As Somozas, Narón e San Sadurniño
Os traballos consistirán na rehabilitación superficial localizada do firme das estradas, restaurando ou mellorando as características superficiais do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade
A Xunta mantén o seu compromiso coa seguridade viaria e a conservación das estradas, ámbitos nos que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas incrementa nesta ano nun 30% o investimento destinado a este fin, ata acadar máis de 68M€
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, recibiu 10 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas na comarca de Ferrol.
Os traballos de acondicionamento de firme destas vías de titularidade da Xunta, licitados por máis de 2 M€, teñen como obxectivo a mellora das características funcionais da vía e súa seguridade viaria en varios treitos das estradas AC-110, AC-112 e AC-564, que discorren polos concellos das Pontes, As Somozas, Narón e San Sadurniño.
As actuacións, que contan cun prazo estimado de execución de 5 meses, consistirán na rehabilitación superficial localizada do firme das estradas, restaurando ou mellorando as características superficiais do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
Tamén se realizarán melloras na drenaxe, a sinalización, nos sistemas de contención e no balizamento, así como a limpeza de gabias existentes.
A Xunta continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, incrementando esta ano en máis dun 30% as partidas destinadas a súa conservación, máis de 68 M€.