A Xunta colabora con ‘Futbolinlugo’ nas actividades para fomentar a práctica do fútbol entre rapaces e rapazas da provincia

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación das xornadas e campus que se desenvolverán nos vindeiros meses en Lugo, A Pastoriza, Guntín, Castro de Rei e Burela

Lugo, 11 de febreiro de 2025

A Xunta colabora coas actividades que promoverá durante os próximos meses Futbolinlugo en varios concellos da provincia para fomentar a práctica do deporte, en concreto do fútbol, entre os mozos e mozas lucenses.

A Delegación Territorial de Lugo acolleu hoxe a presentación do calendario de actividades coa presenza do delegado territorial, Javier Arias, e Diego Díaz, membro da organización.

Dentro da programación prevista figuran catro xornadas de tecnificación que se desenvolverán o 5 de marzo en Lugo; o 21 de abril na Pastoriza; o 1 de maio en Guntín e o 30 de xuño en Castro de Rei. Van dirixidas a rapaces e rapazas de 5 a 15 anos, que traballarán con adestradores profesionais os aspectos técnicos máis importantes a estas idades.

Por outra banda, o 28 de xuño terá lugar nunha localización aínda por determinar a quinta edición do All Star Futbolinlugo, unha festa de desenlace da tempada de fútbol. A xornada contará cos habituais partidos, concursos, xogos abertos ao público e varias novidades.

Por último, Burela acollerá do 14 ao 18 de xullo a terceira edición do campus mixto impulsado pola entidade, no que compatibiliza a práctica deste deporte con outras actividades de ocio.

Arias valorou que as actividades cheguen a distintos concellos da provincia e destacou que este tipo de iniciativas axudan a fomentar o deporte e o ocio saudable entre a xente nova.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2025