Na recollida de mostraxes e posterior recepción nos laboratorios do Instituto

Villares pon en valor o labor do Intecmar para o control da calidade e a salubridade dos produtos do mar galego

O Instituto, que este ano conta un investimento que supera os 5 millóns de euros, realiza cada ano máis de 70.000 análises

Asegura a calidade para a explotación dos recursos, controla as posibles fontes de alteración ambiental e garante a seguridade alimentaria

No ano 2021 foi designado Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Mariñas

Vilargarcía de Arousa (Pontevedra), 11 de febreiro de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor o labor do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), cuxo investimento neste ano se incrementa un 4,3% ata superar os 5 millóns de euros. Así o destacou no transcurso da recollida de mostraxes na ría e posterior recepción da chegada ao Instituto, e nas que estivo acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e da directora do centro, Covadonga Salgado. E é que este ente realiza cada ano máis de 70.000 análises para garantir a calidade e a salubridade dos produtos do mar galego. Neste senso, as avaliacións van dende parámetros oceanográficos, ata análises de biotoxinas, hidrocarburos, metais pesados, substancias organocloradas, clorofilas, concentración de nutrintes, recontos de fitoplancto, ademais de estudos microbiolóxicos e histopatolóxicos dos moluscos.

Trátase de protexer e mellorar a calidade de vida do medio mariño, polo que a súa actividade, tal e como comprobou hoxe o responsable do Mar, céntrase en facer o seguimento, control e a investigación da calidade ambiental das augas costeiras, controlando, deste xeito, todos os grupos de especies sometidos á explotación comercial do marisqueo e da acuicultura, ao tempo que cumpre outra das funcións esenciais a nivel medioambiental, e que está relacionada coa loita contra a contaminación mariña accidental e a oceanografía operacional.

Así, o Intecmar asegura unha calidade suficiente para a explotación dos recursos, controla as posibles fontes de alteración ambiental e potencia novas estratexias de explotación e comercialización, co fin de minimizar as perdas económicas derivadas dos procesos tóxicos naturais e a reducir as consecuencias provocadas por unha perda da calidade das augas. En definitiva, contribúe, segundo apuntou o conselleiro, a salvagardar a saúde pública e a acadar altas cotas de competitividade nos mercados nacionais e internacionais.

Laboratorio de referencia nacional

Ubicado no Porto de Vilaxoán, e creado por Lei no ano 2004 como ente público, o Intecmar dispón de 88 profesionais. Constitúe o instrumento oficial da comunidade autónoma de Galicia para o control da calidade do medio mariño e a aplicación das disposicións legais en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar. Os resultados transmítense aos distintos departamentos da administración autonómica relacionados e ás entidades sectoriais do marisqueo e a acuicultura: Confrarías de Pescadores, Organizacións de Produtores e Asociacións Profesionais.

Dende 2021, e logo do convenio de colaboración asinado coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan), desígnase a este Instituto como laboratorio nacional de referencia de biotoxinas mariñas. Na actualidade, conta con doce proxectos de investigación en vigor. Asemade, cada ano emite preto de 300 resolucións de apertura, peche ou cambio de clasificación de zonas; máis de 500 informes do estado das zonas de produción; e máis de 600 avisos que chegan a máis de 500 destinatarios mediante correo electrónico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2025