Belén do Campo anima ás entidades de acción voluntaria a solicitar as axudas do programa de servizo de voluntariado xuvenil co prazo aberto ata o 17 de febreiro
A delegada da Xunta reuniuse con representantes Asdegal (Acción Solidaria de Galicia ONG de Voluntariado) para coñecer os seus proxectos e iniciativas e trasladoulles o apoio do Goberno galego para seguir colaborando con esta ONG
A Coruña, 12 de febreiro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, reuniuse, esta mañá, cos representantes da asociación Asdegal (Acción Solidaria de Galicia ONG de Voluntariado). No encontro coñeceu, de primeira man, os seus proxectos máis inmediatos e as iniciativas que levan a cabo, especialmente todo o relativo ao apoio a persoas maiores e a menores. Nesta liña, a delegada tamén coñeceu a súa colaboración co SERGAS para o acompañamento de pacientes nos hospitais galegos.
Asdegal ten como obxectivo promover a solidaridade entre os distintos colectivos e o voluntariado social con accións sempre dirixidas ao beneficio de persoas que padecen situacións desfavorables e contan con máis 150 voluntarios a partir dos 16 anos, cunha media de idade de 30 anos, con sedes na provincia coruñesa, na cidade da Coruña, Santiago, Ribeira e Arzúa.
A representante do Goberno autonómico puxo en valor a colaboración, o ano pasado, da Xunta de Galicia con Asdegal para o fomento de accións de voluntariado xuvenil.
Neste senso, a delegada felicitoulles por xa ter solicitado a orde de subvencións aberta da Xunta dirixida ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil para que realicen proxectos de dito programa desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de outubro de 2025, o prazo aínda está aberto ata o 17 de febreiro.
Belén do Campo explicou que son subvencionables os proxectos de acción voluntaria sempre que dita acción a desenvolvan persoas mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Os proxectos teñen que levarse a cabo con actividades relacionadas co benestar das persoas maiores, tamén poden ser accións con colectivos en situación de risco, xuvenís, e ambientais, coa recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas, coa igualdade de xénero ou aquelas que desenvolvan medidas orientadas á prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero, co ámbito familiar e as relacionadas coa posta en valor do medio rural e do Camiño de Santiago.
Ademais esta entidade recibe outros tipos de axudas para seguir desenvolvendo outras accións de sensibilización de voluntariado con maiores.
A delegada da Xunta recalcou o seu compromiso para seguir apoiando e colaborando cos proxectos desta asociación de voluntarios.