A Xunta incide no compromiso para ofrecer un transporte público eficiente e útil á cidadanía

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes compareceu no Parlamento para abordar a mobilidade no Baixo Miño

Diego Calvo referiuse ao seguimento continuo dos servizos de autobús para adaptalos a unha demanda cambiante

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, abordou hoxe no Parlamento a mobilidade no Baixo Miño e incidiu no compromiso da Xunta para ofrecer un transporte público de calidade e eficiente á cidadanía. Neste sentido, referiuse ao constante seguimento do funcionamento dos autobuses interurbanos por parte do Goberno galego para adaptar os servizos á demanda.

Para o conselleiro, a oferta existente no Baixo Miño abarca tanto as interaccións entre os municipios da comarca como as conexións con Vigo, e en especial coa Universidade e os hospitais. Na área que integra os concellos da Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui funcionan 61 liñas que atenden máis dun milleiro de paradas e nas que se prestan máis de 34.800 servizos ao ano. Apuntou tamén que nun día laborable, de media, se prestan no conxunto da comarca 145 servizos, dos que 64 conectan con Vigo, 33 de ida e 31 de volta.

Unha mostra de que a oferta funciona, segundo sinalou, é que o número de persoas usuarias non deixa de medrar. “Entre os meses de outubro e decembro do pasado ano máis de 93.000 persoas empregaron os autobuses de competencia autonómica nos concellos do Baixo Miño e na súa conexión con Vigo, o que representa un incremento do 33% con respecto ao mesmo período de 2023”, engadiu.

Diego Calvo salientou que este aumento responde á contínua adaptación do servizo a unha realidade cambiante, con axustes nos horarios e percorridos para dar o mellor servizo especialmente a estudantes e traballadores. Nesta liña, lembrou os cambios efectuados con motivo da época de exames e para dar resposta ao incremento da demanda a primeira hora da mañá entre A Guarda e Vigo, entre outros, como resultado do seguimento continuo dos servizos e de escoita aos usuarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2025