A Xunta destina 560.000 € ao impulso de seis áreas de estacionamento seguras para transportistas de mercadorías
O obxectivo é o desenvolvemento de aparcadoiros protexidos que dispoñan de instalacións axeitadas e servizos precisos
A medida enmárcase no Plan estratéxico para a creación dunha rede galega de aparcadoiros seguros para o sector de transporte de mercadorías que prevé habilitar 1.500 prazas
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026
A Xunta destina 560.000 euros ao impulso a seis áreas de estacionamento seguras para transportistas de mercadorías no período 2026-2027, segundo a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) en relación coa convocatoria para a concesión destas axudas. Todas as empresas solicitantes recibiron as achegas, que oscilan entre os 67.000 e os 127.000 euros.
Así, na provincia da Coruña habilitarase un aparcadoiro no polígono industrial Piadela Sur, en Betanzos, cunha axuda autonómica de 127.000 euros, e outros dous no parque empresarial de Morás, en Arteixo, con 127.000 e 67.000 euros cada un deles. En Lugo haberá unha destas áreas en Rábade, cunha achega de 80.000 euros, e, na provincia de Ourense, en Allariz e Xinzo de Limia, con contías de 88.000 e 71.000 euros, respectivamente.
O obxectivo é facilitarlles aos condutores destes vehículos o acceso a aparcadoiros certificados conforme os requisitos establecidos nos regulamentos europeos, nos que poidan descansar con seguridade e dispoñer tanto de instalacións axeitadas como dos servizos precisos. Búscase tamén promover a profesión de transportistas, potenciar a incorporación da muller a este ámbito laboral e contribuír á competitividade loxística de Galicia como plataforma de transporte do noroeste peninsular.
Os espazos beneficiarios da medida deben estar situados a non máis de 10 quilómetros dunha autovía, autoestrada ou estrada nacional/autonómica da rede estrutúrante ou complementaria e dispoñer dun peche perimetral mínimo de 1,80 metros de altura, cumprir coas dimensións mínimas das prazas e reservar polo menos un 20% das prazas para rotación, ademais de obter, como mínimo, a certificación de nivel bronce conforme ao Regulamento Delegado (UE) 2022/2012 da Comisión, polo que se completa o regulamento do Parlamento Europeo e do Consello no relativo ao establecemento de normas que detallan o nivel de servizo e a seguridade das zonas de estacionamento seguras e protexidas, así como aos procedementos para a súa certificación.
Avánzase así no Plan estratéxico para a creación dunha rede galega de aparcadoiros seguros para o sector do transporte de mercadorías, co que se prevé habilitar 1.500 prazas de estacionamento seguro a través de distintas liñas de actuación impulsadas pola Xunta en colaboración con outras entidades que compartan este obxectivo.
Neste marco de acción distínguense dous tipos de estacionamento para camións. Por unha banda están as áreas en tránsito, localizadas en ruta para realizar os descansos necesarios segundo a normativa vixente, na que se centra a orde de axudas resolta. Por outra banda están as áreas de concentración, situadas en grandes polos de atracción de mercadorías e xeralmente dotadas de máis servizos, como a habilitada a comezos de 2025 no Centro de Transporte de San Cibrao das Viñas en colaboración coa Deputación de Ourense e o empresariado do polígono.